O II Premio "José Gil" de Audiovisual xa ten obras gañadoras nas modalidades de guión de ficción e documental
Os textos 'Nove meses e dez días' de Inés Pintor e 'Memoria Bruta' de Miguel Ángel Romero Rodríguez resultaron elixidos polo xurado nesta segunda edición do certame provincial.
A Deputación da Coruña fixo público o fallo do xurado do II Premio "José Gil" de audiovisual, un certame que busca impulsar e dinamizar a creación cinematográfica en lingua galega a través do recoñecemento de proxectos de guión orixinais e de calidade.
Na modalidade de guión de longametraxes de ficción en lingua galega, que contou cun total de dez propostas participantes, o xurado acordou por unanimidade propoñer a concesión do premio á obra titulada 'Nove meses e dez días', que corresponde á autoría de Inés María Pintor Sierra. O tribunal valorou especialmente a "sólida técnica de escrita que posúe este traballo", así como a "notable claridade amosada na construción e definición dos personaxes". Así mesmo, os avaliadores subliñaron o "excelente uso estrutural que a autora fai da incomunicación ao longo de toda a trama do texto gañador".
Pola súa banda, na categoría de guión de longametraxes documental, á que concorreron cinco candidaturas, a obra elixida por maioría foi 'Memoria Bruta', do autor Miguel Ángel Romero Rodríguez. No seu veredicto, os membros do xurado salientaron que este proxecto posúe "unha disposición visual radical e unha concepción conceptual moi sólida". Definiuse como un "rigoroso exercicio de recuperación da memoria histórica que se desenvolve a partir dos descartes dun arquivo que permanecía esquecido". Ademais, o xurado destacou que a peza enfía á perfección co espírito do propio José Gil, un vencello que se manifesta tanto pola súa localización xeográfica na cidade de Vigo como polo carácter pioneiro que define toda a proposta.
A deputada de Cultura, Natividade González, amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento do certame e sinalou que este premio se consolida como un "espazo fundamental para o talento emerxente e a creatividade no noso audiovisual, premiando traballos que destacan pola súa calidade técnica e o seu compromiso coa nosa identidade".
A deputada engadiu que con este premio non só se honra a memoria dun pioneiro como José Gil, senón que se segue a sementar o futuro do cinema en lingua galega, "apoiando as historias que merecen ser contadas e dotando as nosas creadoras e creadores de ferramentas para que os seus proxectos poidan converterse en realidades cinematográficas".
A reunión final de deliberación tivo lugar no Pazo Provincial e estivo presidida pola deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Natividade González. O comité avaliador completouse coa participación, en calidade de vogais, de Gaspar Broullón Pastoriza, Marta Rodríguez Ínsua, Uxía Caride Blanco, Miguel Mariño Lamas e Jesús Rafael Calvo Grobas, asistidos pola secretaria Manuela Muñiz Souto, canda a presenza do comisario do premio, Xosé Ramón Rivas González, e do coordinador Marcos Sánchez.
