Estás en:Novas

O Pazo de Mariñán acolle unhas xornadas sobre convivencia escolar e seguridade nos centros educativos

O portavoz do Goberno da Deputación, Bernardo Fernández, destacou o papel dos equipos directivos na detección e resposta ante problemas como o acoso, o absentismo ou os novos riscos dixitais

O Pazo de Mariñán acolle unhas xornadas sobre convivencia escolar e seguridade nos centros educativos

O Pazo de Mariñán acolleu hoxe unha xornada centradas no Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, nas que participou o deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández.

Na súa intervención, Fernández agradeceu a invitación do subdelegado do Goberno, Julio Abalde, e do director da área de Alta Inspección de Educación en Galicia, Lois García Carballido, responsable da coordinación do Plan Director, e puxo en valor o traballo diario dos equipos directivos e do profesorado.

"O voso é un traballo que moitas veces non se ve, pero que sostén algo tan esencial como a educación pública", afirmou o deputado, que destacou a importancia destas xornadas para abordar cuestións que forman parte da realidade diaria dos centros: o absentismo, o acoso escolar, a saúde mental ou os riscos asociados ao mal uso da intelixencia artificial.

Fernández subliñou que os colexios e institutos son moitas veces o primeiro lugar onde se detecta que algo non vai ben. "Detrás dun caso de absentismo pode haber un problema familiar grave; detrás do acoso, un neno ou unha nena que está sufrindo e detrás dun mal uso da intelixencia artificial, unha humillación que se multiplica nunha pantalla", sinalou.

O deputado lembrou tamén o compromiso da Deputación coa convivencia escolar a través de iniciativas como a obra teatral Papel 2.0, dirixida ao alumnado dos institutos da provincia, ou a nova liña de axudas ás ANPAS dos centros públicos, dotada con 250.000 euros para apoiar actividades educativas, de igualdade, respecto e participación das familias.

"As escolas e institutos teñen que ser espazos seguros, respectuosos e libres de medo. Para iso é fundamental acompañar aos equipos docentes, apoiar ás direccións dos centros e traballar xuntos desde as familias, as administracións e a sociedade", afirmou Fernández.

--