O festival ‘Abride a fiestra’ regresa á Casa de Rosalía de Padrón co apoio da Deputación
De Vacas, Coro da Rá e Manuel Rivas actuarán o domingo 12 de xullo na Casa-Museo de Rosalía en Padrón.
A responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, asistiu esta mañá á presentación desta cita que tamén contará coa participación de Federico Pérez Rey, Anxos Sumai e Pepe Barro, entre outros.
A Fundación Rosalía de Castro pon en marcha a oitava edición do festival 'Abride a Fiestra', que terá lugar o vindeiro domingo 12 de xullo co apoio da Deputación da Coruña. Como é tradicional, o evento acollerá diferentes manifestacións culturais tendo a Rosalía como figura central. Entre os protagonistas musicais temos a De Vacas, Coro da Ra, Pecha a Cansela e Cé Orquestra Pantasma para os nenos; o cómico Federico Pérez Rey; os escritores Manuel Rivas e Anxos Sumai; e o deseñador Pepe Barro, entre outros.
Así se anunciou esta mañá nunha presentación na que participou a responsable provincial de Cultura, Natividade González, acompañada de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía; Anxo Arca, alcalde de Padrón; e Valentín García, secretario xeral de Lingua.
"Apoiar este festival desde a Deputación é apostar por dinamizar o noso idioma e a nosa creación cultural desde a base. A Casa de Rosalía convértese nun punto onde se xuntan o recoñecemento á nosa historia e o impulso ao talento máis novo, demostrando que a nosa cultura popular segue viva, medra e ten moito que dicir", declarou a titular de Cultura.
Nunha xornada de portas abertas de 11:00 a 23:00 que estará dedicada ás cantareiras e á cultura popular, o Xardín, a Casa-Museo e o auditorio acollerán máis de vinte actividades. Na Horta terán lugar os concertos de De Vacas, Coro da Ra, Pecha a Cansela e Cé Orquestra Pantasma, xunto co contacontos Federico Pérez Rey, alén dunha charla sobre o eclipse e o obradoiro de construción de caixas para ver eclipses impartido por Martin Pawley.
Para os máis pequenos haberá xogos populares, un concerto de Cé Orquestra Pantasma, a contacontos Inma Soto coa súa obra Xela a superheroína da aldea e unha visita guiada con xogos didácticos denominada 'O sombreiro de Murga' da man de Rita Bugallo.
Na propia Casa-Museo tamén haberá visitas guiadas por persoeiros, como a profesora Carme Hermida, Martin Pawley e o escritor Manuel Lorenzo Baleirón, ademais de Miguel Lois, que a realizará sobre o reformado Xardín de Rosalía.
No Auditorio haberá varias actividades literarias, onde Manuel Rivas presentará coa xornalista Ana G. Liste a súa última novela, 'Tras do ceo', e Pilar García Negro e Xosé Luís Axeitos presentarán o número dez da revista 'Follas Novas de estudos rosalianos'. Así mesmo, a escritora Anxos Sumai presenta nunha conversa con Carme Vidal o seu novo libro, 'A nena de xeo', e Pepe Barro fará o propio co seu último traballo que reúne o total da súa traxectoria como o máis referencial dos deseñadores galegos, 'O libro de Barro'. Ademais haberá unha cata de viños auspiciada pola adega Paco & Lola, e tamén haberá posibilidade de xantar na propia Horta da Casa da Matanza, que estará amenizado polo DJ Peter Sélek.
