A Vía Verde Compostela – Tambre – Lengüelle acolle un programa sobre o eclipse
A área de turismo da Deputación organizou, xunto a Onda Cero, un programa de radio para poñer en valor a Vía Verde – Tambre – Lengüelle e informar sobre o eclipse do vindeiro 12 de agosto
O vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado, Antonio Leira, participaron na xornada, que se celebrou na antiga estación de tren de Ordes
A antiga estación de tren de Ordes transformouse esta mañá nun estudo de radio, acollendo a gravación do programa "Más de uno" de Onda Cero Galicia. O vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado, Antonio Leira, participaron no programa, xunto ao presidente da Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela – Tambre - Lengüelle, Álex Doval. O programa centrouse no proxecto da Vía Verde e no eclipse do vindeiro 12 de agosto.
Vía Verde Compostela – Tambre – Lengüelle
Regueira referiuse a conxunto do xeodestino onde se atopa a Vía Verde, Terras da Comarca de Ordes, "perfecto para desfrutar dun turismo sostible, da natureza, da paisaxe e da gastronomía". Este destino, "supón unha oportunidade para desconcentrar o turismo". O vicepresidente animou aos oíntes a coñecer a Vía Verde, o Camiño Inglés e todos os concellos do xeodestino.
"Esta Vía Verde é un proxecto de territorio que conecta persoas, concellos e oportunidades a través dun modelo de desenvolvemento sustentable. Un claro exemplo de mobilidade sostible, recuperación do noso patrimonio ferroviario e creación dun novo produto turístico de calidade, capaz de xerar actividade económica e fixar valor no territorio", engadiu Regueira.
O deputado Antonio Leira sinalou que se trata dun espazo "para a veciñanza, para quen queira desprazarse andando ou en bicicleta con seguridade, pero tamén para atraer un turismo responsable". Leira salientou a importancia de "recuperar espazos" para ofrecer servizos aos visitantes e á veciñanza e celebrou a colaboración entre administracións "para seguir construíndo este soño".
O eclipse do 12 de agosto
Durante o programa tamén se abordaron os principais retos que representa o eclipse. "A provincia da Coruña é un territorio moi amplo dende o que se vai poder ver o eclipse, o territorio máis demandado, e temos que estar preparados", sinalou Regueira. O vicepresidente fixo un chamamento á responsabilidade individual e colectiva, "para desfrutalo e poder lembralo dun xeito positivo". Ademais, fixo fincapé en outros fenómenos como o solpor e as perseidas, que coinciden no tempo.
A utilización de gafas homologadas; unha boa hidratación ou o uso de protección solar son algunhas das medidas que hai que ter en conta para desfrutar do eclipse con seguridad
