Regueira pon en valor a competitividade turística da provincia na entrega das distincións de calidade do SICTED a 151 empresas de Compostela
O vicepresidente participou esta tarde no acto de entrega, sendo este ano a maior cifra de distinguidos co SICTED dende a recuperación deste selo de calidade no 2018, cando houbo 60 distincións
A Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos acolleu o acto de entrega das distincións do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino (SICTED) que para este 2026 recoñecen a 151 empresas e servizos turísticos do concello, vinte máis que o ano pasado. O vicepresidente, Xosé Regueira, participou no acto, xunto á concelleira de turismo, Míriam Louzao, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e o representante de Unión Hotelera Compostela, José Antonio Liñares.
Regueira felicitou ás empresas polo recoñecemento, "unha mostra do voso compromiso coa calidade, coa sustentabilidade e coa mellora continua". "Este distintivo", engadiu, "recoñece o camiño percorrido, pero tamén a vontade de seguir mellorando." O vicepresidente puxo en valor o papel do sector privado "clave" na mellora da competitividade turística, "e as empresas recoñecidas hoxe, a maior cifra da historia do SICTED, así o demostra".
Neste sentido, sinalou o "bo facer" do sector, que é quen de ofrecer "experiencias auténticas, responsables e ben coidadas. Algo polo que destaca, sen dúbida, a nosa provincia". E, ademais, referiuse ao modelo turístico da Deputación, "baseado na calidade e na sustentabilidade, porque son a mellor garantía para fortalecer o sector, crear valor no territorio e conservar todo aquilo que fai única a nosa provincia"..
Pola súa banda, a concelleira de turismo Míriam Louzao destacou que "a calidade é unha ferramenta necesaria para desenvolver un novo modelo turístico na cidade, que aposte máis polo valor engadido que polas meras cifras. Neste sentido, se queremos continuar posicionándonos como un destino global de calidade, precisamos contar cunha oferta de calidade."
Así mesmo, no acto fíxose unha pequena presentación do novo SICTED, no que a sostibilidade e a intelixencia turísticas pasan a ter un papel central, promovendo así a mellora continua dos destinos a través do traballo coordinado cos servizos turísticos, coa implantación de boas prácticas centradas na sostibilidade social, económica e ambiental e na calidade, como piares estratéxicos do desenvolvemento do ecosistema turístico de Santiago de Compostela.
