A Deputación acompaña o inicio dunha nova edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira
A deputada de Cultura, Natividade González, destacou durante a inauguración de onte o compromiso da institución cun evento "que representa o mellor da nosa cultura, fortalece a identidade galega e sitúa Ortigueira no mapa internacional da música celta"
A Deputación da Coruña participa un ano máis no inicio do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, renovando o seu apoio a un dos eventos culturais máis emblemáticos de Galicia e unha das grandes referencias europeas da música folk e das culturas de tradición celta. A deputada de cultura, Natividade González, estivo onte na inauguración oficial, onde destacou o carácter internacional dunha cita "que é sinónimo de memoria colectiva, identidade e territorio".
Ata o vindeiro domingo, Ortigueira converterase no epicentro da cultura celta cunha programación que combina grandes concertos, actuacións de bandas emerxentes, o certame Runas, pasarrúas, obradoiros de música e baile tradicional, actividades infantís, a Vila Celta, o Festival na Rúa, a feira de artesanía e o tradicional desfile de bandas de gaitas, unha das citas máis multitudinarias e singulares do festival. A programación reúne artistas de Galicia, Irlanda, Escocia, Bretaña, Gales, Asturias e doutros territorios unidos por un patrimonio cultural común, consolidando o carácter internacional dun evento que cada verán atrae milleiros de visitantes.
A deputada de Cultura destacou que "o Festival de Ortigueira é un exemplo extraordinario de como a cultura tradicional pode seguir viva, evolucionar e conectar con novas xeracións e traspasar frointeiras sen perder a súa autenticidade. É un patrimonio colectivo do que nos sentimos profundamente orgullosos".
González engadiu que "desde a Deputación da Coruña seguiremos apoiando este festival porque representa moitos dos valores que defendemos desde as políticas culturais públicas: o acceso universal á cultura, a protección do patrimonio inmaterial, o impulso ao talento artístico e a capacidade da cultura para dinamizar o territorio e crear oportunidades".
A programación desta edición arrancou coa actividade da Vila Celta e continuará durante toda a semana cos concertos nos diferentes escenarios, as actuacións das formacións participantes no certame Runas, os espazos dedicados á música tradicional, os obradoiros e as actividades paralelas que converten o festival nunha experiencia cultural aberta a todos os públicos. O domingo celebrarase o tradicional desfile de bandas de gaitas, un dos momentos máis emblemáticos e concorridos do evento.
Co seu apoio ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso coa cultura como ferramenta de cohesión social, preservación do patrimonio e proxección internacional da provincia, contribuíndo á consolidación dun evento que, tras case cinco décadas de historia, continúa sendo un dos grandes símbolos culturais de Galicia.
