A Deputación reafirma o seu compromiso co FIOT, que chega á 35ª edición como referencia nacional das artes escénicas
"Na área de Cultura provincial sentimos o FIOT coma un proxecto moi próximo, porque levamos anos acompañándoo e apoiando unha iniciativa que representa moi ben aquilo no que cremos: unha cultura de calidade, accesible, descentralizada e capaz de transformar os lugares nos que acontece", salientou hoxe na presentación do programa a deputada Natividade González
O festival celebrarase en Carballo do 23 de setembro ao 31 de outubro e ofrecerá 43 espectáculos, con 8 estreas absolutas e 9 estreas en Galicia, procedentes de dous países, España e Portugal, e oito comunidades autónomas, ademais dunha vintena de actividades paralelas
Chévere, El Brujo, Alba Flores, Andrés Lima, Chapitô, Mofa e Befa, María Velasco, Titzina e Gloria Múñoz destacan entre os protagonistas do programa
Pazo da Cultura de Carballo acolleu hoxe a presentación da 35ª edición Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que un ano máis volve a contar co apoio da Deputación da Coruña. No acto participou a deputada de Cultura, Natividade González, a quen acompañaron Alberto Sueiro, presidente da AC Telón e Aparte, organizadora do festival en colaboración co Concello de Carballo; Daniel López, alcalde da capital bergantiñá; Luciano Calvo, Presidente da Fundación Luis Calvo Sanz; e Jacobo Sutil, director Axencia Galega Industrias Culturais.
"Trinta e cinco edicións", destacou a titular de Cultura, "falan de moitos anos de traballo, de compromiso co teatro e, sobre todo, dun público que fixo seu este festival e que o converteu nunha das grandes citas culturais do noso país". "Desde a Deputación da Coruña", engadiu, "sentimos o FIOT tamén coma un proxecto moi próximo, porque levamos anos acompañándoo e apoiando unha iniciativa que representa moi ben aquilo no que cremos desde a área de Cultura: unha cultura de calidade, accesible, descentralizada e capaz de transformar os lugares nos que acontece".
Segundo González, "durante cinco semanas Carballo converterase nun enorme escenario, porque o teatro sairá das salas, ocupará as rúas, entrará nos espazos da vila e formará parte da vida cotiá da xente". "E iso", abundou, "é seguramente un dos maiores éxitos do FIOT: conseguir que o teatro non sexa algo que simplemente se programa, senón algo que se vive".
"Hai festivais", salientou a deputada, "que traen espectáculos e hai festivais que, despois de tantos anos, constrúen identidade, e o FIOT é destes últimos, pois forma parte xa da identidade cultural de Carballo e é tamén unha referencia das artes escénicas galegas".
González reafirmou o compromiso da Deputación co festival, "porque apoiar o FIOT é apoiar as artes escénicas, apoiar a creación e apoiar o dereito da cidadanía a acceder á cultura". E rematou a súa intervención dándolles os parabéns ao Concello de Carballo, a Telón e Aparte, ás compañías participantes "e, moi especialmente, a ese público que durante 35 edicións foi medrando co festival".
O programa
O FIOT 2026 chega este ano co lema 'Cando todo cae, ven ao teatro' para propoñer, en palabras de Alberto Sueiro, "unha lectura optimista do colapso: non como punto final, senón como movemento, transformación e oportunidade de reinvención". "Nun momento de colapso", afirmou, "a escena pode salvar a nosa realidade".
A 35º edición do festival reunirá en Carballo durante cinco semanas, do 23 de setembro ao 31 de outubro, a nomes imprescindibles da escena galega, española e internacional, como Alba Flores, Alberto Velasco, almealera, Andrés Lima, Carles Sans –fundador de Tricicle–, Chévere, a Companhia do Chapitô, Delphine de Vigan, Esther Carrodeguas, Gloria Muñoz, Juan Carlos Fisher, Lúa Mosquetera, María Velasco, Mofa e Befa, Rafael Álvarez, El Brujo, Spinish Circo e Titzina.
En total, o FIOT achegará a todos os públicos 43 espectáculos, 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia, procedentes de dous países (España e Portugal) e 8 comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana, Comunidade de Madrid, Castela León, Galicia e Illas Baleares).
Á cita con esta nova entrega do FIOT non faltarán tampouco coproducións, residencias artísticas e máis dunha vintena de actividades de mediación de públicos e apoio á creación teatral, como a exposición ZoomFIOT, presentación de libros e coproducións, gravación en directo dos "podcasts" do OndaFIOT, os 'Café con...', unha homenaxe a Manuel Lorenzo, lecturas dramatizadas, encontros co público ao rematar as funcións, a colaboración coa Noite Europea das Persoas Investigadoras, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido ou a entrega do galardón Xograr de Outono.
Toda a información sobre o programa e como conseguir as entradas para as funcións e as actividades paralelas do festival, en fiot.gal.
