Estás en:Novas

Abre na Coruña o Espazo Cultural Manuel María, que conta co financiamento da Deputación da Coruña

As deputadas de cultura, Natividade González, e de lingua, Sol Agra, participaron esta tarde na inauguración do espazo, situado na coruñesa rúa Socorro

A entidade provincial achega un importe de 50.000€ á Fundación Manuel María para este proxecto, na liña do seu apoio ao tecido cultural e ás entidades que traballan pola difusión da cultura galega

Abre na Coruña o Espazo Cultural Manuel María, que conta co financiamento da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña colabora coa Fundación Manuel María na posta en marcha do novo Espazo Cultural Manuel María, situado na rúa do Socorro, 30, na Coruña, que abriu hoxe as súas portas cun acto de inauguración no que participaron a deputada de Cultura, Natividade González, e a deputada de Lingua, Sol Agra.

Esta colaboración enmárcase no compromiso da institución provincial, que destinou 50.000 euros a este proxecto a través da súa área de cultura, co apoio ao tecido cultural e ás entidades que traballan pola difusión da cultura galega. "Manuel María é unha figura imprescindible para comprender a cultura galega do século XX e unha parte fundamental do noso patrimonio literario. Apoiar a apertura deste espazo significa contribuír a que a súa obra, o seu pensamento e o seu compromiso coa lingua e coa cultura galegas sigan vivos", sinalou a deputada de cultura.

O novo equipamento nace da man da Fundación Manuel María coa vontade de ofrecer un lugar aberto á cidadanía, dedicado á cultura, á lingua galega e á creación artística, e de reforzar a presenza na Coruña da obra e do pensamento dun dos autores fundamentais da literatura galega contemporánea. "Desde a Deputación da Coruña entendemos que as institucións temos a responsabilidade de coidar, preservar e difundir o noso patrimonio cultural", apuntou Natividade González. "E o Espazo Cultural Manuel María é unha oportunidade para achegar a súa figura á cidadanía e para facer da cultura un espazo de encontro" engadiu. "Queremos que a obra de Manuel María siga dialogando co presente e que este lugar se converta nun punto de referencia para a literatura, a música, a cultura tradicional e, en definitiva, para a creación cultural galega."

A apertura do Espazo Cultural Manuel María contará cunha programación inicial orientada á participación cidadá e á difusión da cultura galega, con propostas relacionadas coa música e a cultura tradicional, entre outras actividades. A iniciativa reforza tamén o vínculo de Manuel María coa cidade da Coruña, onde o escritor e a súa compañeira, Saleta, residiron durante unha etapa da súa vida. A creación deste espazo contribúe así a manter viva a súa memoria e a achegar o seu legado a novos públicos.