Estás en:Novas

O estudo de deseño do Milladoiro Centilitrosmetrocadrado, gañadores da 2ª edición do premio “Luis Seoane” de deseño da Deputación

O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, valorou o proxecto do estudo de deseño de Milladoiro pola súa faceta "multidisciplinar".

O estudo de deseño do Milladoiro Centilitrosmetrocadrado, gañadores da 2ª edición do premio “Luis Seoane” de deseño da Deputación

O xurado da segunda edición do premio "Luis Seoane" de deseño que convoca a Deputación da Coruña acordou, por maioría, conceder o galardón a Centilitrosmetrocadrado Sociedade Cooperativa Galega.

Tras unha intensa deliberación, o comité de expertos —que está presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, e que integran Rosario Froján Resua, Alberto Carballido Salcedo, María Celsa Pesqueira Sánchez, Uqui Permui Martínez e Alberto Montiel Rodríguez— acordou conceder o galardón a esta iniciativa por "ser un claro referente do deseño multidisciplinar".

O veredicto susténtase en que Centilitrosmetrocadrado "resalta o proceso de investigación na disciplina do deseño, a solidez profesional, a innovación e a súa ampla traxectoria no ámbito do deseño contemporáneo, especialmente no deseño de produto, así como a interpretación dos códigos visuais territoriais plasmados no seu traballo".

Centilitrosmetrocadrado é un estudio de deseño e comunicación localizado en Milladoiro que fusiona a produción artesanal e industrial baixo un enfoque humanista e sostible. Con dúas décadas de traxectoria, o estudio fundado por Ricardo Tubío e Xabier Rilo está consolidado como un referente en deseño de produto, identidade gráfica e interiorismo, reinterpretando a cultura atlántica con proxectos de valor social e emocional.

Deste xeito, relevan a D-due, a firma de moda rianxeira dirixida por Charo Froján e Alfredo Olmedo que gañou a primeira edición deste concurso.

Natividade González felicitou ao proxecto gañador destacando "a súa capacidade de outorgar identidade de país a todos os seus proxectos, representando a excelencia no deseño e proxectando a nosa imaxe e forma de ver o mundo máis aló das nosas fronteiras".