A Deputación apoia con 90.000 euros a Tempada Lírica de Amigos da Ópera da Coruña
Valentín González Formoso e José Luís Méndez Romeu asinaron o convenio
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de Amigos da Ópera, José Luis Méndez Romeu, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a institución provincial achega 90.000 euros á Tempada Lírica da Coruña 2026. A axuda destinouse a cofinanciar a produción de Jenůfa, de Leoš Janáček, que se representou o pasado setembro no Palacio da Ópera.
A produción supuxo a estrea absoluta desta obra en Galicia e súa cuarta representación en España. Contou coa dirección musical de José Miguel Pérez-Sierra, á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia, a dirección escénica de Emiliano Suárez e a participación do Coro Gaos. O elenco estivo encabezado por Vanessa Goikoetxea, Eliska Weissova, Alejandro Roy e Joan Lainez.
A sinatura de hoxe coincide coa programación de Tosca, que regresou onte á tempada coruñesa despois de 22 anos e terá unha segunda función mañá, sábado 24 de outubro. A obra de Puccini reúne a Miren Urbieta-Vega, Ragaa Eldin e Carlos Álvarez, baixo a dirección musical de Oliver Díaz.
O convenio dálle continuidade ao apoio da Deputación a Amigos da Ópera, entidade fundada en 1952 e decana das asociacións operísticas españolas, e contribúe a manter unha programación que amplía a oferta cultural da Coruña e impulsa o traballo das e dos profesionais do sector.
