Estás en:Novas

Xosé Regueira reivindica en Padrón a maxia dos territorios como "unha forma lexítima de habitar o mundo”

O vicepresidente participou esta mañá no acto inaugural do VI Encontro Nacional dos Pobos Máxicos de España, no Campus Tecnolóxico Cortizo, onde puxo en valor a identidade e cultura galegas

A institución provincial colabora co encontro, que reúne en Padrón ata o domingo a representantes de municipios de toda España, e achega a súa experiencia na campaña de enoturismo "A paisaxe que sabe"

Xosé Regueira reivindica en Padrón a maxia dos territorios como

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participou este sábado no acto inaugural do VI Encontro Nacional dos Pobos Máxicos de España, que se celebra en Padrón do 23 ao 25 de outubro baixo o lema "Unha rede que multiplica" e conta co apoio da entidade provincial. O acto, que tivo lugar no Campus Tecnolóxico Cortizo, contou tamén coa presenza do alcalde de Padrón e presidente do comité organizador do encontro, Anxo Rei; do delegado do goberno, Pedro Blanco; da directora xeral de Cortizo, Raquel Cortizo; do presidente do Ecosistema Máxico de España, Francisco Martín; e do director de Relacións Institucionais de Estrella Galicia, Rubén Valverde.

Pobos Máxicos de España é unha organización sen ánimo de lucro que ten como propósito o desenvolvemento turístico e territorial das poboacións adheridas. A iniciativa busca poñer en valor os recursos locais e impulsar o turismo baixo o selo "Pobos Máxicos de España", un distintivo que recoñece a singularidade e autenticidade dos municipios que forman parte da rede. Na súa intervención, Regueira – en referencia ao propio nome da iniciativa –, comezou dando a benvida aos asistentes "a un país profundamente ligado á maxia e á lenda. Desde as meigas que aínda habitan na fala popular ata os monxes que iluminaron códices na escuridade dos séculos, Galicia foi sempre un país onde o racional e o marabilloso se dan a man sen pedirse permiso. E esa maxia non se quedou na tradición oral; impregnou a nosa literatura de xeito indeleble".

Nese sentido, puxo o foco na figura de Rosalía de Castro e na súa capacidade para converter Padrón nun referente cultural e literario que transcende as fronteiras galegas. O vicepresidente lembrou as palabras de Camilo José Cela, nado en Iria Flavia, quen definiu a Rosalía como "a poeta máis grande de todas as Españas do século XIX", e destacou a súa contribución decisiva ao Rexurdimento e á literatura galega contemporánea. "Rosalía ensinou a mirar Galicia non só como unha paisaxe, senón como un ser vivo. Ela converteu a saudade en categoría estética e a néboa en metáfora do destino. Ela fixo da lingua do pobo un insturmento de alta poesía e reivindicación identitaria". Nese sentido, subliñou a especial relación da escritora con Padrón, onde viviu e morreu e onde a súa presenza segue viva na paisaxe, no patrimonio e na memoria colectiva. "Padrón non é só o pobo de Rosalía; é o pobo que Rosalía inventou para sempre", resumiu, evocando tamén os versos de En las orillas del Sar: "Cuan hermosa es tu vega, oh Padrón, oh Iria Flavia!".

O vicepresidente estendeu esta reflexión ao conxunto da provincia da Coruña e á importancia de preservar a identidade propia dos territorios sen renunciar á súa apertura ao mundo. "Ao inaugurar este encontro de Pobos Máxicos, non estamos simplemente reunindo a representantes de localidades con atractivo turístico. Estamos a afirmar que a maxia segue sendo unha forma lexítima, e necesaria, de habitar o mundo. Que hai lugares onde a alma se recoñece. Que hai territorios que non se esgotan na súa utilidade, senón que se ofrecen como misterio". E concluíu convidando ás persoas participantes e a desfrutar dunha estadía na que, ademais de compartir experiencias e coñecementos, puidesen descubrir a singularidade cultural e humana de Padrón: "1ue a maxia de Rosalía vos acompañe".

Tres días de programa
Tras a inauguración, a xornada continuou coa VI Asemblea Nacional dos Pobos Máxicos de España. Nela abordáronse retos como a conexión do territorio e a experiencia galega neste sentido, a transformación do propio territorio, a activación do coñecemento e oportunidades e facer medrar a economía local. A asemblea incluíu ademais o nomeamento oficial dos novos Lugares Máxicos de España 2026 e a entrega do distintivo "Monumento Máxico do Ano 2026" á Deputación de Granada.

Pola tarde, os relatorios tratarán o turismo inclusivo, a cargo de AMIPA e Alma Peregrina, e o enoturismo dentro da campaña "A paisaxe que sabe" da Deputación da Coruña, da man de Moisés Rodríguez e Nieves Millán, propietarios de Enoturismo María Manuela.
O encontro xa arrincou o venres no Pazo de Arretén coa actividade "Rosalía na Arretén", do grupo teatral Os Quinquillás, unha cata de viños da subzona Ribeira do Ulla e o cóctel de benvida "A paisaxe que sabe". A clausura terá lugar esta noite no Hotel Scala, cunha cea e a actuación do grupo galego Broken Peach. O domingo, os participantes visitarán o Xardín Botánico-Artístico de Padrón antes do xantar de despedida.