Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois "Carrabouxo", gañan o premio Otero Pedrayo 2026 polo seu impulso á cultura galega a través do humor gráfico
O Pazo de Mariñán acolleu esta mañá a reunión do xurado desta edición, que foi organizada pola área de Cultura da Deputación da Coruña
Trátase da proposta presentada pola Deputación da Coruña, que o xurado premiou polo "valor indiscutible do humor gráfico como contribución á cultura de Galicia"
O Pazo de Mariñán acolleu esta mañá a xuntanza do xurado do Premio Otero Pedrayo 2026, convocado nesta edición pola Deputación da Coruña de acordo co carácter rotatorio anual estabelecido no regulamento do certame. Tras a deliberación dos seus membros, acordouse concederlles por maioría este recoñecemento aos tres humoristas gráficos Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois "Carrabouxo". Trátase dunha proposta da propia Deputación da Coruña que se suma á histórica nómina dun premio que ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria dunha das figuras máis senlleiras da cultura galega, recoñecer un labor que constitúa unha contribución eminente ao país e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven á mellora da súa cidadanía e institucións.
A Deputación da Coruña propuxo a candidatura dos tres humoristas gráficos Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois "Carrabouxo" por "levar 50 anos publicando unha viñeta diaria, sendo, por tanto, cronistas da historia de Galicia destes últimos 50 anos" tal e como destacou Manel Cráneo na reunión. Con este premio, o xurado recoñece "o valor indiscutible do humor gráfico como contribución á cultura de Galicia".
Xurado
A xuntanza do xurado estivo presidida por Anxo Manuel Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, mentres que a vicepresidencia recaeu na deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González. Na xuntanza participaron tamén, en calidade de vogais e en representación das distintas institucións, o deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Manuel Fernández; a funcionaria do servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra, Ruth González Reyes; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; e o secretario xeral de Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García.
A representación do ámbito académico e científico estivo integrada por Ana Cabana, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela; Alfonso Caride, técnico superior de actividades culturais da Universidade de Vigo; Manuel Ferreiro, catedrático emérito de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña; María López-Sández, académica de número da Real Academia Galega; Pablo Santiago Otero Piñeyro Maseda, director do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, e Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo.
Así mesmo, formaron parte do órgano reitor como personalidades de recoñecida autoridade científica e literaria o poeta Luis González Tosar (designado pola Xunta de Galicia): o ilustrador Manel Cráneo (pola Deputación da Coruña); o historiador e catedrático emérito da Universidade de Vigo Jesús de Juana López (pola Deputación de Ourense) e a técnica de xestión cultural da Deputación de Pontevedra Begoña Fernández (pola Deputación de Pontevedra), xunto con Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Cultura, Igualdade e Dereitos Civís da institución coruñesa, na secretaría do xurado.
Premio
O galardón conta cunha dotación económica de 16.000 euros, unha contía que achegan conxuntamente as catro deputacións provinciais e a Xunta de Galicia. Coa resolución adoptada hoxe, a organización prepara xa o acto formal de entrega do galardón, que se desenvolverá antes de finais de ano. Con este fallo, Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois "Carrabouxo" incorpóranse a un dos recoñecementos máis relevantes do panorama cultural galego, sucedendo a premiados de edicións recentes como a Coral Polifónica de Pontevedra en 2025, a Coral de Ruada en 2024, Darío Villanueva en 2023, Ángel Carracedo en 2022, e Rosario Álvarez e Menchu Lamas en 2021.
