Estás en:Novas

MercaNaVila esgota os 5 millóns de euros en bonos e mobiliza 11,5 millóns en vendas nos pequenos comercios da provincia

A campaña da Deputación da Coruña esgotou o crédito en 18 días, tras rexistrar máis de 102.000 bonos descargados e 200.000 operacións de compra realizadas

O programa, desenvolvido en colaboración coa Federación Galega de Comercio, incrementou a participación de establecementos, con 1.143 comrecios adheridos en concellos de menos de 20.000 habitantes

Noia, Ordes, Boiro, Cee e Betanzos lideraron as vendas

MercaNaVila esgota os 5 millóns de euros en bonos e mobiliza 11,5 millóns en vendas nos pequenos comercios da provincia

A Deputación da Coruña dá por finalizada a segunda edición de MercaNaVila tras esgotar en apenas 18 días os 5 millóns de euros destinados a descontos no comercio local da provincia. A campaña xerou preto de 11,5 millóns de euros en vendas nos establecementos dos concellos de menos de 20.000 habitantes e pecha antes da data prevista, o 20 de novembro, pola elevada demanda dos bonos.

O balance desta edición recolle máis de 102.000 bonos descargados e máis de 200.000 operacións de compra realizadas. Os descontos directos de ata 100 euros por persoa permitiron reducir o gasto das familias e incentivar o consumo nos negocios de proximidade, nunha campaña desenvolvida en colaboración coa Federación Galega de Comercio.

A participación do sector tamén medrou. Un total de 1.143 establecementos solicitaron a súa adhesión ao programa, fronte aos 1.000 comercios participantes na primeira edición. Os datos reflicten a ampla resposta dunha iniciativa dirixida especificamente aos municipios de menor poboación, onde a actividade comercial contribúe a manter o emprego, prestar servizos e dar vida ás rúas.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, situou desde o inicio da campaña o apoio ao comercio dos concellos pequenos entre as prioridades da institución provincial. Neste sentido, destacou a necesidade de ofrecer ferramentas que axuden aos negocios das vilas a afrontar a competencia das grandes superficies e das plataformas de venda online, así como o papel fundamental destes establecementos na economía e na vida cotiá dos municipios.

 

MercaNaVila superou nesta segunda edición o número de bonos descargados en 2025, cando se rexistraron 93.453, e amplía a participación dos comercios. O esgotamento do crédito en apenas 18 días amosa, ademais, a elevada demanda da convocatoria 2026 de MercaNaVila.

Colaboración para achegar os bonos á cidadanía

A difusión e o desenvolvemento de MercaNaVila contaron coa implicación dos concellos, das asociacións de comerciantes e dos propios establecementos. A colaboración do propios comercios, nalgúns casos con post cheos de creatividade e orixinalidade a través das súas redes sociais, facilitou que a información sobre os descontos chegase a públicos máis amplos e que as persoas con maiores dificultades no uso das ferramentas dixitais puidesen acceder aos bonos.

Entre as accións impulsadas polas asociacións comerciais figuraron puntos de información nas rúas para resolver dúbidas e axudar na descarga dos bonos. Os negocios tamén contribuíron á difusión da campaña e prestaron apoio directo á súa clientela na xestión dos descontos.

As valoracións recollidas entre comerciantes de numerosos concellos da provincia coinciden en destacar o aumento das vendas durante a campaña de MercaNaVila. O sector sinala a utilidade dos bonos para competir coas plataformas multinacionais de venda online, reforzar os ingresos nun momento de pagos vinculados á campaña de inverno e atraer máis compras aos establecementos das vilas.

Noia, Ordes e Boiro lideraron as vendas

Por concellos, Noia volveu rexistrar o maior volume de vendas da campaña MercaNaVila 2026, con 1.137.826,56 euros e 19.184 operacións, seguida de Ordes, con 1.017.240,58 euros e 19.019 compras, e Boiro, con 934.217,46 euros e 15.053 operacións. Os descontos aplicados nestes tres municipios ascenderon a 472.840, 461.250 e 368.840 euros, respectivamente.

Entre os concellos con maior actividade comercial durante a campaña figuran tamén Cee, con 739.414,65 euros en vendas; Betanzos, con 632.557,89 euros; e Santa Comba, con 566.784,88 euros. Completan os dez primeiros postos por volume de vendas As Pontes, con 419.805,68 euros; A Pobra do Caramiñal, con 374.643,98 euros; Padrón, con 322.486,82 euros; e Fene, con 313.450,53 euros.

A campaña deixou tamén un importante volume de compras noutros municipios, como Arzúa, con 300.595,50 euros en vendas; Melide, con 290.580,27 euros; Oroso, con 284.335,17 euros; Vimianzo, con 237.058,81 euros; Negreira, con 229.121,43 euros; Zas, con 225.783,73 euros; ou Sada, con 223.260,27 euros.

A Deputación da Coruña e a Federación Galega de Comercio agradecen a participación da cidadanía e a implicación dos comercios, das asociacións e dos concellos nesta edición de MercaNavila.