A Deputación da Coruña apoia con 60.000 euros o programa cultural da Real Academia Galega
Valentín González Formoso e Henrique Monteagudo asinaron hoxe o convenio polo que a institución provincial financia distintas iniciativas, entre elas a homenaxe a Begoña Caamaño, unha publicación sobre a toponimia de Noia e unha xornada dedicada ao Festival Celta de Ortigueira
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para apoiar o programa de actos culturais da Academia en 2026. A Deputación achega 60.000 euros dos 75.000 que suma o orzamento, o que supón o 80 % do seu custo.
Dúas das iniciativas achegaron ao público a vida e a obra de Begoña Caamaño, escritora e xornalista homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2026. O documental “Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul” reconstrúe a súa traxectoria entre Vigo e Santiago de Compostela a través das voces de quen a coñeceron e da interpretación da súa obra a cargo da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Para o público infantil, o proxecto Primavera das Letras ofrece ás familias e aos centros educativos materiais para descubrir a autora. Entre eles figura “Uuu-uuu, Begoña”, unha peza teatral escrita por An Alfaya e ilustrada por Laura Romero que os nenos e nenas poden ler en grupo ou representar na aula.
O convenio apoia tamén dúas iniciativas vinculadas ao patrimonio da provincia. O volume “Toponimia do concello de Noia”, de Alfonso Blanco Quintela, estuda a orixe e o significado dos nomes de lugar do municipio e inclúe un mapa cos seus topónimos e microtopónimos. En Ortigueira, a xornada “A invención da tradición. O Festival Celta de Ortigueira”, coordinada polo historiador Ramón Villares, toma o festival como punto de partida para analizar como nace unha celebración e como chega a formar parte da identidade dunha comunidade.
Completan o programa a 36.ª edición dos cursos “Galego sen fronteiras”, que combinan o ensino do idioma a persoas de fóra de Galicia con conferencias e visitas culturais, e a publicación, en papel e en formato dixital, do número 386 do Boletín da Real Academia Galega, dedicado ás cantareiras e á poesía popular galega.