Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Uxía presenta no Teatro Colón o seu novo traballo musical, Uxía_o, unha homenaxe a Uxío Novoneyra
Intégrase no ciclo Colón a escena!, co que a Deputación da Coruña quere apoiar a industria cultural galega

Uxía presenta no Teatro Colón o seu novo traballo musical, Uxía_o, unha homenaxe a Uxío Novoneyra

26 de Setembro de 2017

Uxía presenta este sábado 30 no Teatro Colón o seu novo traballo musical, Uxía_o, unha particular homenaxe ao poeta Uxío Novoneyra na que viste de música os poemas do escritor do Courel con ecos de muiñeira, ragtime, alalá e reggae. O concerto, estrea absoluta do disco, será con entrada libre previa recollida na billeteira do teatro.
Segundo palabras de Uxía, "A poesía de Uxío Novoneyra ten un ritmo interno que a fai moi adecuada para ser cantada". Neste traballo decidiu colaborar de novo co multi-instrumentista brasileño Sérgio Tannus "para que esta visión fose a máis actual e universal posíbel, colocando o acento na contemporaneidade e musicalidade da súa obra". Uxía musica os poemas do escritor nun traballo editado pola Fundación Uxío Novoneyra despois de poñer música a outro autor coetáneo como foi Manuel María. O encontro da música coa literatura alcanza tamén outros nomes das letras galegas como, de maneira especial, á propia Rosalía de Castro.
Uxía e Sérgio escolleron entre o poemario de Novoneyra o que atoparon "máis próximo e familiar", en ocasións unindo varios poemas, como é o caso de "O aire" ou "A miña sombra correndo", transformado en alalá. Xunto ás novas composicións encóntranse tamén unha adaptación do tema "Cain as follas", de Emilio Cao, ou "Alalás encadeados", poema inédito incluído no disco de Uxía Meu canto (Fol Música, 2011).
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, destacou que o concerto "será unha estrea moi especial dentro da nova programación do Teatro Colón xa que significará o encontro de dous grandes nomes da nosa cultura, a poesía de Uxío Novoneyra e a voz de Uxía". Mostrou a súa alegría por ser o Teatro Colón o espazo que acolla a estrea deste novo traballo na traxectoria musical de Uxía e insistiu na "aposta da área de Cultura da Deputación da Coruña por promocionar e acoller as novas producións culturais galegas e contribuír ao desenvolvemento da industria cultural".
Acompañarán a Uxía, Sérgio Tannus (guitarra e viola caipira.), Santi Cribeiro (acordeón), Isaac Palacín (percusións) e José Manuel Díaz (contrabaixo), ademais das colaboracións especiais de Ana Isabel Días (arpa clásica) e Quim Farinha (violín)
As invitacións para este concerto-presentación pódense recoller na billeteira do Teatro Colón no seguinte horario:

Martes 26, de 12:00h a 14:00h e 16.30h a 20.30h
Venres 29, de 16.30h a 20.00h
Sábado 30, de 12:00h a 14:00h e 16.30h a 20.00h
Os horarios de apertura están dispoñibles en www.teatrocolon.es