Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A área de lingua ofrecerá tamén aos municipios o novo programa "Lingua a escena!" da Rede Cultural
Páxinas suxeridas
A área de Lingua ofrecerá tamén aos municipios o novo programa "Lingua a escena!" da Rede Cultural

A Deputación da Coruña destina 480.000 euros aos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos

19 de Decembro de 2017

A área de Lingua da Deputación da Coruña destina un total de 480.000 euros á creación, mantemento e reforzo dos servizos de Normalización Lingüística dos concellos, mancomunidades e entidades locais da provincia.

O novo programa posibilitará que os concellos de máis de 5.000 habitantes poidan acceder a unha axuda de 12.000 euros para financiar as retribucións do persoal técnico dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) en cadanseu municipio.

Mediante a realización de procesos selectivos en modalidade de concorrencia competitiva, as entidades locais incluídas no programa poderán contratar cando menos un técnico ou técnica especialista en lingua galega, co obxectivo de incrementar o seu uso e prestixio en todos os eidos do termo municipal.

A vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín, subliñou que esta liña "foi reforzada nos últimos anos, duplicándose tanto a cantidade xeral como a destinada a cada concello porque consideramos que o papel que desenvolven os servizos dos concellos é fundamental á hora de promoveren a dinamización lingüística". A liña súmase a outras iniciativas que teñen como obxectivo a normalización do galego desde os concellos como a recente publicación do novo programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña titulado "Lingua a escena!" que nace co obxectivo de contribuír á dinamización da lingua galega. "Con este programa buscamos contribuír a promocionar espectáculos e propostas que teñan a dinamización lingüística como obxectivo para que se poidan programar polos concellos e axudar á normalización, en especial, das xeracións máis novas", sinalou Goretti Sanmartín.

Coa convocatoria para o ano 2018, a Deputación da Coruña ratifica o seu compromiso por garantir o cumprimento da lexislación vixente en materia lingüística, velando polos dereitos das persoas galegofalantes, ao tempo que fomenta o uso do galego no conxunto da sociedade.

Así, o persoal contratado polos concellos e mancomunidades deberá contribuír a mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración, e tamén axudar a resolver as dúbidas que aparezan no ámbito da lingua galega.

Pode consultar máis información sobre a convocatoria na seguinte ligazón:

http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2017/12/19/2017_0000010738.pdf