Certame "Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2021-22"
O coñecemento e socialización colectiva e compartida do pasado, da propia historia, veu constituíndo unha das liñas de acción cultural e educativa máis relevantes dos poderes públicos en calquera sociedade e época.
As circunstancias históricas e políticas fixeron que na construción e difusión social da explicación do pasado propio Galicia carecese de ferramentas capaces de garantir a investigación, a fixación, o ensino e a reprodución do coñecemento neste campo. Aínda hoxe segue a ser unha carencia notable no que atinxe a determinados ámbitos. Nas décadas dos 70 e 80, por exemplo, a historia medieval de Galicia apenas existía nos plans de estudo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, e cando aparecía nunca era desde o enfoque do estudo da historia política. Xeracións de alumnos e alumnas formáronse con base nuns contidos en que existía con centralidade o relato político construído da Historia de España (iberos, visigodos, reconquista, Reis Católicos, Austrias, Borbóns), mais onde non tiña cabida o nacemento, consolidación e desaparición do Reino medieval de Galicia, desde a Galicia sueva até a división provincial de Javier de Burgos en 1833. Só a partir dos anos 90 esta situación comeza a mudar, grazas fundamentalmente ao traballo entusiasta de persoas historiadoras e ensaístas que sinalan nas súas publicacións a necesidade de poñer o foco sobre a historia medieval galega, verdadeira época de esplendor social, cultural e económico que, porén, se mantiña oculta á sociedade galega actual.
A Deputación da Coruña, desde o exercicio das súas competencias no ámbito da cultura, quere contribuír con esta convocatoria e con outras iniciativas que vai desenvolver nos anos vindeiros a combater a desmemoria e o esquecemento sobre o pasado medieval de Galicia. A sociedade galega actual precisa coñecer o seu pasado para comprenderse mellor na actualidade e poderse pensar con máis capacidade cara o futuro. A propia existencia e as relacións galegas con Portugal, os porqués da inventio da tumba do Apóstolo Santiago, o feito de que reis de Castela, Toledo ou León escribisen en galego e que nesta lingua florecese a expresión literaria máis relevante e culta do medievo peninsular, as tensións políticas e sociais do século XIV e XV, a conformación do Reino suevo de Galicia como o primeiro reino europeo, a verdadeira natureza histórica de figuras como Pardo de Cela, Xelmírez ou Don García, a revolta burguesa das Irmandades contra o poder feudal dos señores ou a propia existencia na actual Catedral de Santiago dun Panteón Real son algúns dos moitos elementos que nos interpelan aínda hoxe como sociedade, á espera de a través deles podérmonos coñecer, recoñecer e interpretar de maneira máis consciente e rigorosa, á marxe de caricaturas ou paradigmas instalados durante séculos.
Persoas/entidades GAÑADORAS | Proxecto |
O Cable Inglés, S. Coop. Galega | Crónicas dunha desmemoria. Formato audiovisual e dixital |
Sermos Galiza S.A. | Os reis e as raíñas da Galiza. 1000 anos dun reino de seu. Fascículos+podcast+banco de datos |
Orestes Comunica S.L. | O Reino de Galicia nas historias de Galicia desde o século XVII. Estudo e difusión: web+entrevistas+unidade didáctica+libro |
Orgullo Galego S.L. | O Reino de Galicia: coñecer o pasado para construírmos o futuro. Conversas online+audiovisual+infografías en redes sociais+artigos en web e redes |
Ciencia Galega Industrias Creativas S.L. | Proxecto multimedia de divulgación do Antiguo Reino de Galicia en Gciencia |
Jorge Juan Costas Mira | Teaser da serie de animación 3D: O avó Patacas cóntanos a Historia de Galicia (A gran revolta Irmandiña) |
Sirgo Torcendo S.L. | Eu son de vos muito maravillado. Música+narración |
Trivium Estratexias en Cultura e Turismo S.L. | FOREGA – web de Fortalezas do Reino de Galicia |
Suseia Sdad. Coop. Galega | Falemos do Reino de Galicia – 6 videos |
Gabriel Penabade Outeiro | Terra de Raíñas – espectáculo teatral |
Aser Álvarez González | Urraca. A pioneira do feminismo – Documental transmedia sobre a primeira monarca titular na historia de Europa |
Manuel Pena Villar | Don García. O Reiciño de Galicia.- Libro+video+unidade didáctica |
Maos Innovación Social, Soc. Coop. Galega | Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza |
Noente Paradise, S.L. | A faia de Ponthus. Le Roi de la Galice |
Mazarelos Sociedade Coop. Galega Xuvenil | O Reino no mapa |
Martela Films S.L. | O vestixio do Reino de Galicia na Catedral de Santiago de Compostela |
Abraham Carreiro Fernández | Xornal infantil e xuvenil: O Papagaio. Viaxe á Galicia Medieval |
Culturactiva Sociedade Coop. Galega | A Historia do Reino Medieval de Galicia explicada por Teodoro e Atanasio.- Web serie de 8 capítulos |
Alberto Sánchez Regueiro | A letra do Reino – web |
Carolina Rubirosa Rodríguez | Soldadeiras. CD e videoclip |