Xornadas Técnicas da Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña
Estas xornadas estritamente pragmáticas, con carácter técnico e reflexivo, formativo e con espírito colaborativo, nacen para facilitar e mellorar a calidade do servizo que presta a Rede Cultural á cidadanía. A implicación dos tres grupos (creadores/as, distribuidores/as e público), polo tanto, é clave. Cada un ata onde queira, poida ou sexa capaz. E para iso están estes encontros, para aumentar as capacidades de crecemento e mellora dun servizo público, esencial para a cohesión social, entre todos os grupos implicados e coa perspectiva de accesibilidade e inclusión de xeito transversal en todas as xornadas.
1º FORO DE TRABALLO
Ferramentas para a comunicación transversal da cultura
14 de novembro de 2025
Auditorio Municipal de Cedeira
A comunicación ou a participación son accións clave para garantir os Dereitos Culturais da poboación. Ben sexa a través do traballo específico dunha empresa ou profesional especializada, ben sexa mediante dinámicas de co-participación ou cooperación comunitaria, a comunicación é clave para que o encontro cultural suceda con máis atino e certezas. A ritualización de actos de relevancia local e/ou social, a visibilización da memoria, dos espazos "ocultos" da cultura ou a proxección en redes a través de vídeos curtos e material con detalles gráficos propios e de reforzo da identidade local, poden ser de moita utilidade para o salto cualitativo e a maior interpelación social das actividades organizadas polos departamentos de cultura. Tamén para saber enfocar mellor os grupos de interese.
En Cedeira atopamos un terreo de oportunidades para celebrarmos o 1º foro de traballo formativo da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Un lugar de referencia na Comarca do Ortegal, cunha serie de circunstancias e fortalezas que nos permitirán asumir en conxunto un variado número de estratexias e material de mellora e sofisticación da actividade global de comunicación dixital e creativa, a través de todos os axentes, embaixadores/as simbólicos do territorio (como pode ser neste caso o dramaturgo Carlos Labraña ou a cantante Guadi Galego), embaixadoras/es do ámbito afeccionado e da sociedade civil (como a A.C. Aturuxeiras ou A Casa Pepanova de Montoxo) e o impulso de maiores relacións entre sectores culturais e grupos sociais. A cercanía con concellos onde se acollen emblemas culturais, como Cariño, Valdoviño, Ortigueira, Neda ou Narón, tamén é un elemento de fortaleza á hora de propor ideas de traballo colaborativo ou en rede.
Comezamos estas Xornadas enfocando a comunicación tamén co obxectivo de dar a coñecer, potenciar o uso e optimizar os recursos que a Área de Cultura da Deputación da Coruña brinda aos Concellos grazas á nova APP vinculada á web redecultural.gal e que pode permitir unha maior interacción e cruzamento de axendas entre os programas Escena ao Vivo!, Visións, Alicerce e Lingua a Escena! A coordinación, a unificación comunicativa con etiquetas específicas e a amplificación da recepción, poden ser metas máis realistas e positivas grazas a esta situación e oportunidade de coñecemento e transformación.
Roberto Pascual
Coordinador das xornadas técnicas da Rede Cultural
PROGRAMA:
9:00 h. Recepción e acreditación de participantes.
9:30 h. Inicio da Xornada. Intervención de autoridades: Deputada de Cultura, Natividade de Jesús González, Alcalde de Cedeira. Pablo Moreda, e Concelleira de Cultura de Cedeira, María Diana Cendán.
9:45 h. Presentación do coordinador, Roberto Pascual.
10:00 h. Primeira dinámica: Análise de contidos culturais dun concello dende a perspectiva dunha persoa usuaria nun novo destino de residencia. Práctica grupal e debate.
11:30 h. Pausa café
12:00 h: Banco de ideas e prácticas inspiradoras. Conversas con:
- Mariña Lestón
- Quique Vázquez
- Álvaro Pérez Becerra
- David Miranda
13:30 h. Segunda dinámica Un selo propio. Identidade, comunicación e cooperación. Práctica individual e debate.
14:15 h. Clausura e principais conclusións a cargo do coordinador das Xornadas.
* Tarde: Opcionalmente, poderase asistir ás representacións e actividades do Festival desde a Nada.
(Apertura: luns 3 ás 12:00 h.; peche: xoves 13 ás 23:00 h.)
