Xornadas Técnicas da Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña
Estas xornadas estritamente pragmáticas, con carácter técnico e reflexivo, formativo e con espírito colaborativo, nacen para facilitar e mellorar a calidade do servizo que presta a Rede Cultural á cidadanía.
A implicación dos tres grupos (creadores/as, distribuidores/as e público), polo tanto, é clave. Cada un ata onde queira, poida ou sexa capaz. E para iso están estes encontros, para aumentar as capacidades de crecemento e mellora dun servizo público, esencial para a cohesión social, entre todos os grupos implicados e coa perspectiva de accesibilidade e inclusión de xeito transversal en todas as xornadas.
3º FORO DE TRABALLO
Estratexias de participación do público
15 de outubro de 2026
Centro Cultural A Fábrica - Oleiros.
O Centro Cultural A Fábrica, en Perillo, Oleiros, representa ben un dos obxectivos da participación cultural: a rehabilitación e apertura de espazos con memoria e identidade, posta en valor do patrimonio (industrial) e usos polivalentes que fan positiva a convivencia e o trasfego de persoas arredor de iniciativas culturais, deportivas, educativas ou de lecer. Favorecer encontros que provocan.
Os lugares e o seu deseño, o urbanismo amable, os pequenos detalles que fan dos lugares de culturas espazos agradables, permiten unha maior convivencia, implicación, cooperación, interese, cohesión. Pero tamén nos podemos preguntar, que é o que impide aínda así unha maior participación? Por que existen aínda moitos grupos sociais que non se senten interpelados ou motivados para acceder e probar a estar en espazos de acción cultural? Está superado o concepto de cultura con maiúsculas, cultura como algo elitista? Que barreiras impiden unha maior participación na actividade cultural, máis alá do consumo dun produto? Por que un grupo afeccionado enche os auditorios con público moi diverso e o profesional non tanto, de maneira xeralizada?
Hoxe, no ámbito audiovisual ou no escénico, xa é máis habitual atopar actividades paralelas á programación de contidos, como as conversas pos-función. Unha actividade que ás veces funciona e resulta estimulante, pero que noutras ocasións semella algo forzado, feito por inercia, algo ortopédico e pouco amable dependendo do espectáculo e do contexto. Adaptarse a cada contido e non facer actividades paralelas ou de mediación sempre iguais ou por sistema, parece polo tanto a mellor solución.
En lugares culturais con máis traxectoria e recursos, podemos ver que a proba-erro, neste sentido, resulta eficaz e pode resultarnos útil copialas ou adaptalas. Elaborar novas propostas divulgativas, accións chamativas como xurados populares ou premios do público con sorteo, contando con outros departamentos, con colectivos de base, con profesionais do ámbito educativo e cadernos pedagóxicos, con ferramentas de vídeo (dende formatos de alta calidade como La Caverna do Festival Temporada Alta de Girona ata os máis modestos como a canle de Youtube de A Palleira), etc., poden causar efectos positivos. Pero para sabelo debemos contemplar sempre no proceso a avaliación de resultados e o coñecemento das realidades específicas de cada contexto para logo intervir nel. Isto é moi importante. Por exemplo, a implantación dunha escola de espectadores pode facerse con matices concretos de cada realidade e obxectivos dese lugar no cal intervir.
(Apertura: xoves 1/10 ás 12:00 h.; peche: mércores 14/10 ás 23:00 h.)
