Estás en:Novas

A Deputación e o CEIDA impulsan o programa de capacitación e divulgación ambiental ‘Para unha transición ecolóxica’

O proxecto contará con charlas, obradoiros, visitas guiadas, exposicións itinerantes, formacións ou servizos de asesoramento ambiental tanto na súa sede co Castelo de Santa Cruz (Oleiros) coma nos concellos da provincia

As actividades están dirixidas a profesionais, especialistas, técnicos municipais e público xeral.

Valentín González Formoso e Carlos Vales asinaron hoxe o convenio de colaboración

A Deputación e o CEIDA impulsan o programa de capacitación e divulgación ambiental ‘Para unha transición ecolóxica’

A Deputación da Coruña e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) continúan a reforzar o programa de educación, capacitación, divulgación e participación ambiental 'Para unha transición ecolóxica'.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso e o director do CEIDA, Carlos Vales, asinaron o convenio, que contempla unha achega económica provincial de 150.000 euros, o 80% do custo total da iniciativa.

Entre as accións do proxecto figuran charlas, obradoiros, visitas guiadas, exposicións itinerantes, talleres de capacitación ou un servizo de asesoramento ambiental para os municipios.

González Formoso destacou "a ampla traxectoria do CEIDA promovendo a educación ambiental en todos os sectores, desempeñando unha labor de capacitación e información esencial para a poboación en xeral, pero tamén para especialistas, profesionais, técnicos e técnicas e alcaldes e alcaldesas, que debemos ser coñecedores dos principais problemas aos que nos enfrontamos neste ámbito para darlles a mellor solución".

Actividades do programa

O proxecto permitirá formar a poboación de todas as idades a través de visitas guiadas e conferencias nas que se divulgará e fomentará a conservación do patrimonio natural, con especial énfase na problemática do lixo mariño, a emerxencia climática e a conservación dos océanos. Os obradoiros buscarán ademais concienciar sobre o patrimonio dos parques naturais das Fragas do Eume e de Corrubedo e da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Tres importantes espazos naturais de referencia situados na contorna coruñesa.

Dentro destas formacións, tamén se capacitará a técnicos municipais e responsables políticos en materia de transición ecolóxica, co fin de formar ao mundo local neste eido para desenvolver políticas axeitadas e impulsar un desenvolvemento social e económico baseado no respecto ao planeta.

A programación tamén conta con 8 exposición itinerantes que achegarán á cidadanía da provincia á información medioambiental para dar visibilidade e concienciar sobre os desafíos e retos na conservación da biodiversidade. As mostras tratan a emerxencia climática, o coidado do mar e os seus ecosistemas, as áreas mariñas protexidas, o patrimonio marítimo e as reservas da biosfera.

Por último, a Deputación tamén pon a disposición de técnicos municipais o servizo de asesoramento e documentación ambiental do CEIDA. O centro, que traballa desde 2001 en programas de educación ambiental, conta co único fondo especializado en medio ambiente de toda Galicia, que abrangue documentación relacionada coa xestión ambiental municipal.

A Deputación e o CEIDA pretenden ofrecer a través destas actuacións unha ampla e variada proposta que permita concienciar aos diferentes axentes da cidadanía e construír unha sociedade civil que estea capacitada e sensibilizada sobre estes problemas para darlles solución.

Páxinas suxeridas