Estás en:Novas

A Deputación financia as actividades e o mantemento da Aula da Natureza e Museo Etnográfico das Brañas da Valga, en Mesía

O convenio, polo que o ente provincial aportará 60.000 euros, permitirá sufragar a realización de visitas guiadas, obradoiros, exposicións, conferencias e os gastos de funcionamento do centro

A Deputación financia as actividades e o mantemento da Aula da Natureza e Museo Etnográfico das Brañas da Valga, en Mesía

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro, asinaron o convenio para financiar as actividades e o mantemento da Aula da Natureza e Museo Etnográfico das Brañas da Valga durante o ano 2022.

Este convenio, polo que o ente provincial aportará 60.000 euros, o 80% do total do orzamento presentado pola entidade para este fin, supón a continuación dunha colaboración entre entidades que se iniciou no ano 2012 e que serviu de impulso para o centro de interpretación.

Así, financiaranse actividades como: a organización de visitas libres e guiadas, a realización de obradoiros para escolares e para o público en xeral, a execución de exposicións permanentes e temporais ou a programación de conferencias, charlas e xornadas de portas abertas.

Por outra banda, o convenio tamén permitirá sufragar os gastos de funcionamento e mantemento da Aula da Natureza-Museo Etnográfico, como poden ser a contratación dunha monitora de tempo libre e de dous peóns de xardinería ou os gastos de material.