Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia a vinte e tres entidades da provincia no desenvolvemento de actividades de conservación do medio ambiente

As liñas de subvención suman un investimento total de 218.872 euros

As achegas financiarán actividades de conservación de hábitats de alto valor natural e de sensibilización e educación ambiental

A Deputación da Coruña apoia a vinte e tres entidades da provincia no desenvolvemento de actividades de conservación do medio ambiente

Actividade “Defende o mar a través do surfing” de Surf and Clean

A Deputación da Coruña dará apoio a 23 entidades sen ánimo de lucro no desenvolvemento de actividades e investimentos de conservación do medio ambiente con dúas liñas de axudas que suman un investimento de 218.872 euros.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a resolución provisional destas subvencións, que van dos 2.000 aos 20.000 euros por entidade. A través destas achegas fináncianse proxectos de conservación de hábitats de alto valor natural e do medio mariño, algúns deles cunha longa traxectoria coma o programa de custodia do territorio da Fundación Fragas do Mandeo ou a actividade "Defende o mar a través do surfing" de Surf and Clean, dirixida aos escolares da provincia e que contempla actividades tanto nas aulas dos colexios como nas praias.

Tamén se financian accións de limpeza de espazos naturais, actividades de sensibilización ambiental ou de conservación de especies de fauna e flora autóctona.

A deputada responsable da área de Medio Ambiente, Rosa Ana García López, subliñou que estas axudas contribúen a preservar a riqueza medioambiental da provincia e á sensibilización da sociedade, e particularmente dos escolares, sobre a importancia de coidar o planeta e promover a sustentabilidade en todos os ámbitos.

Acceso ás resolucións publicadas no BOP:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/08/03/2023_0000006391.pdf

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/08/04/2023_0000006392.pdf