Estás en:Novas

A Deputación da Coruña presenta un vídeo e unha guía didáctica do Programa de sensibilización sobre a segregación ocupacional por razón de xénero

Foi presentada no IES Rosalía Mera onde se desenvolveu un programa no curso 2022-2023

A Deputación da Coruña presenta un vídeo e unha guía didáctica do Programa de sensibilización sobre a segregación ocupacional por razón de xénero

A área de Igualdade da Deputación da Coruña desenvolveu, durante o curso académico 2022-2023, o programa coeducativo de "Sensibilización sobre a Segregación Ocupacional por Razón de Xénero no IES Rosalía Mera, co profesorado e o alumnado dos 11 cursos de Formación Profesional deste centro, fortemente masculinizados.

Os obxectivos aos que buscou dar resposta o Programa de Sensibilización sobre a Segregación Ocupacional por Razón de Xénero no IES Rosalía Mera foron: concienciar ao profesorado sobre a importancia da coeducación, familiarizados xunto co alumnado en contidos relacionados coa igualdade de xénero, sensibilizar e dar pautas para as posíbeis formas de violencia machista por medio das novas tecnoloxías e levar a cabo dinámicas para favorecer a convivencia entre os xéneros.

Segundo explicou a deputada de igualdade, Soledad Agra, " o que buscamos con este programa foi intervir dun xeito directo tanto co alumnado como co profesorado, coa finalidade de facerlles chegar ferramentas útiles e adaptadas a través das cales reflexionar sobre as desigualdades e inxustizas que seguen a darse e que están vinculadas co sistema sexo- xénero"

O traballo parte da colaboración do profesorado do centro coa área de Igualdade da Deputación iniciouse cun estudio preliminar en que se recoñecía a realidade do centro, dos resultados obtidos no estudo preliminar e os materiais e ferramentas adaptadas a estas creáronse dúas ferramentas didácticas, coa finalidade que o profesorado as poida empregar ao longo do proceso formativo cos grupos que traballa.

Por un lado temos a guía que se constitúe nunha ferramenta práctica para introducir nos proxectos educativos o bo trato contribuíndo a que o alumnado adquira capacidades para a análise crítica da realidade, o diálogo construtivo e a toma de decisións en situacións de conflito.

A segunda destas ferramentas é un micro vídeo para divulgar o programa e sensibilizar sobre esta realidade, co que poder contribuír á concienciación doutros centros educativos.

Desde a Deputación avanzan que seguirán traballando nesta liña e agardan que este material contribúa a avanzar na mitigación da segregación ocupacional por razón de xénero, tanto no proceso formativo como na inserción laboral, fomentando entre o alumnado relacións interpersoais consensuadas e de bo trato desde a igualdade.