Concello Dixital arranca a post-transformación dixital nos concellos de Curtis, Irixoa e Vedra
As tres entidades, que formaron parte da fase piloto do proxecto no seu inicio, seguen a avanzar cara a súa plena dixitalización
O Equipo de Transformación de Concello Dixital atópase actualmente traballando xa coas entidades na análise da súa evolución desde que remataron o seu proceso de transformación, no que respecta ao grao de uso das melloras implantadas. Hai tamén deseñado un plan de formación transversal en xestión do cambio, liderado e atención á cidadanía, así como as sesións específicas orientadas ás necesidades detectadas e á capacitación en novas funcionalidades da plataforma de tramitación.
O plan de acción, personalizado para cada concello, ten unha duración de tres meses e contempla un sistema de seguimento de melloras e a revisión das competencias dixitais das traballadoras e dos traballadores municipais, e un plan de formación.
Este proceso de post-transformación responde ao compromiso adquirido pola Deputación da Coruña coas entidades locais de realizar un acompañamento continuo no tránsito á súa dixitalización plena, e de fomentar a transferencia de coñecemento entre concellos. Precisamente, Curtis, Irixoa e Vedra iniciaron a súa transformación a finais do ano 2021 como concellos piloto do proxecto Concello Dixital, experiencias nas que se basearon as follas de ruta para o resto dos concellos participantes no proxecto que segue a sumar entidades, cun total de 83 na actualidade.