Estás en:Novas

O coworking da Casa do Pescador de Miño abre o prazo para solicitar espazos de traballo

O coworking, integrado na Rede da Deputación, conta con 12 módulos de traballo equipados

Terán preferencia as persoas emprendedoras e novas empresas relacionadas co turismo, as novas tecnoloxías e a dixitalización, así como as profesións técnicas

As persoas emprendedoras e empresarias que desexen solicitar un espazo no coworking deberán presentar a súa solicitude a través da sede electrónica do Concello de Miño

O coworking da Casa do Pescador de Miño abre o prazo para solicitar espazos de traballo

O coworking da Casa do Pescador de Miño, décimo primeiro centro da Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, abriu o prazo de presentación de solicitudes de módulos de traballo.

Este espazo de coworking está pensado para proporcionar aos e ás profesionais e emprendedores/as un lugar no que traballar nun ambiente profesional e colaborativo, contando con todo o necesario para desenvolver os seus proxectos: acceso a internet, servizos de asesoramento, salas de reunións, reprografía, etc. Este espazo facilita deste xeito a conciliación e a xeración de sinerxías, supoñendo unha oportunidade para o impulso de novas ideas empresariais e para a dinamización socioeconómica do municipio.

O centro, localizado no primeiro andar da Casa do Pescador de Miño conta con 12 postos de traballo, tres salas de xuntas, oficinas individuais, aula de formación e eventos, despacho para asistencia técnica, zonas comúns, ascensor, zona de reprografía, zona de descanso, aseos e unha terraza con vistas á ría de Betanzos.

Na Ordenanza municipal reguladora das instrucións de acceso ao espazo de traballo Coworking Casa do Pescador do Concello de Miño, publicada no BOP número 182, do 22 de setembro de 2023, figuran os anexos que deben presentarse para solicitar módulos de traballo, a saber o Anexo de solicitude e a Memoria técnica e modelo de negocio:
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2023/09/22/2023_0000007506.pdf

As persoas interesadas en instalar a sede do seu negocio neste coworking deberán presentar a documentación establecida para a súa valoración, a través da sede electrónica do Concello de Miño: https://sede.concellodemino.gal/sxc/es/index.html

A Rede Provincial de Coworking

O coworking da Casa do Pescador de Miño adheriuse á Rede Provincial de Coworking impulsada desde o Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña mediante un convenio de colaboración polo que a entidade provincial cofinancia os gastos directos de xerencia, xestión de accesos e zonas comúns, redes sociais e comunicación, dinamización e captación de usuarios e usuarias, recepción de novos coworkers, asesoramento e formación aos/ás emprendedores/as.

A estas actividades sumaríanselle os gastos indirectos como son a subministración da electricidade, telefonía e Internet, o mantemento do ascensor e do edificio e a limpeza das instalacións. O orzamento do proxecto elévase ata os 50.094 euros, dos que a entidade provincial achega 40.075 euros, que supón o 80% do total.

A Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación está integrada por 11 centros de coworking especializados nos sectores máis puxantes de cada zona.

Pode coñecer máis sobre a Rede: https://redecoworking.pel.gal/