Estás en:Novas

O coworking dixital da Cámara de Santiago acolle a VI reunión de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, destaca que a Rede Provincial de Coworking, con 11 centros en toda a provincia, "pretende fixar poboación e apoiar o talento da mocidade, facilitándolles a oportunidade de emprender"

O Coworking Dixital Ccompostela está cofinanciado pola Deputación para potenciar proxectos relacionados coa transformación dixital

O coworking dixital da Cámara de Santiago acolle a VI reunión de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña

O espazo de traballo colaborativo Coworking Dixital Compostela, situado no polígono empresarial de Costa Vella en Santiago, acolleu a sexta edición da reunión técnica de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña.

Durante o encontro de traballo abordáronse diversas cuestións, comúns a todos os espazos, como a ciberseguridade ou a mellora na xestión dos espazos. Así mesmo, tamén houbo tempo a debater sobre a posibilidade do establecemento de ordenanzas de prezos públicos, así como de adaptar o protocolo de actuacións comúns dos espazos integrantes da Rede a novas casuísticas. Tamén se presentaron todas as novas que se produciron na Rede dende a última reunión.

Todas as persoas participantes, xestores de coworkings, técnicos/as dos concellos implicados e concelleiros/as; tiveron ocasión de coñecer de primeira man as instalacións do Coworking Dixital Compostela, localizado nas instalacións da Cámara de Comercio de Santiago.

A clausura institucional estivo presidida pola deputada Emprego, Rosa Ana García López, e a presidenta da Cámara de Santiago, María Pais Fajín. Esta última destacou "o forte compromiso que ten a Cámara co fomento do emprendemento e dinamización do tecido empresarial, tal e como demostra cos numerosos programas que leva a cabo en solitario e en colaboración con distintas administracións." Ademais, agradeceu á Deputación da Coruña e á deputada a súa presenza e o seu apoio.

Para rematar a xornada a deputada provincial, Rosa Ana García López, destacou "o gran impacto que están a xerar os coworkings nas súas contornas" e agradeceu o compromiso de todos e todas por xerar emprego nas comarcas máis rurais. Tamén resaltou a importancia destes centros de traballo, "a Deputación persegue obxectivos como reter o talento da nosa xente moza e fixar poboación no rural, creando novas oportunidades laborais para elas e eles".

Nestes espazos de traballo colaborativo, a xente pode compartir experiencias, xerar sinerxías e solucionar problemas. Esta rede leva activa 5 anos e conta xa con 11 centros, cada un especializado nun sector estratéxico da zona na que se localizan.

Actualmente a Rede está integrada por 11 centros, ademais do Coworking Dixital Ccompostela, tamén forman parte dela o centro Transformando en Brión, o coworking da Capela, o espazo A Proa en Ames, o LAB Barbanza de Boiro, o coworking A Pobra, o centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla en Moeche, o GreenCoworking das Pontes, o coworking Pazo de Arenaza en Oleiros, o centro de emprendemento A Estación de Vedra e a Casa do Pescador de Miño.

Máis información sobre a Rede Provincial de Coworking en: redecoworking.pel.gal/