A Deputación colabora co Concello de Carnota na redacción do proxecto do saneamento en Lariño
O alcalde agradece o apoio da Deputación neste paso previo indispensable para acometer os traballos e solicita o financiamento de Augas de Galicia para executar unha obra "de primeira necesidade"

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido Rama, asinaron un convenio de colaboración polo cal o ente provincial financiará o 80% dos custes de redacción do proxecto para o saneamento integral da parroquia de Lariño, unha actuación considerada de primeira necesidade polo Concello debido á situación actual de carencia de infraestruturas para a recollida e transporte de augas residuais. O investimento total ascende a 62.920 euros, dos cales a Deputación achegará 50.336 euros, mentres que o Concello asumirá o importe restante.
Este proxecto supón o paso previo indispensable para acometer no futuro as obras de execución dunha rede de saneamento que dea servizo ás poboacións da Gándara e Lariño. A actuación está motivada por razóns de interese público, social e económico, dado que se trata dunha demanda urxente e prioritaria para garantir servizo un servizo esencial para a veciñanza como é o saneamento.
"No goberno municipal levamos seis anos buscando solucións para este problema. Agradecemos a colaboración da Deputación da Coruña neste primeiro paso, que é fundamental e que supón para o Concello de Carnota unha axuda importante e chamamos á colaboración de Augas de Galicia para poder executar estas obras tan necesarias tan pronto estea completada a redacción do proxecto", afirmou o alcalde.
Segundo destaca o Concello, a necesidade deste investimento é inaprazable, ao tratarse dunha zona que carece de rede de saneamento, o que impide mesmo a concesión de licenzas de edificación, ao estar clasificado como solo urbano non consolidado nas Normas Subsidiarias.
A sinatura do convenio reflicte o compromiso da Deputación da Coruña co apoio aos concellos para dotar de infraestruturas básicas ás parroquias que máis o precisan, promovendo a igualdade territorial e mellorando a calidade de vida no rural.