A Deputación da Coruña defende a necesidade dun novo marco legal e financeiro para os concellos no Congreso sobre os 40 anos da Lei de Bases de Réxime Local
Valentín González Formoso reclamou definir claramente as competencias dos entes locais, suficiencia financeira e cooperación real entre administracións

A Deputación da Coruña participou este luns na inauguración do Congreso "1985-2025: 40 anos das Bases do Réxime Local e do control externo local en Galicia", un foro que converte á cidade da Coruña na capital do municipalismo galego e español.
No acto de apertura, o presidente provincial, Valentín González Formoso, reivindicou a necesidade de revisar o marco legal do municipalismo "para definir exactamente as súas competencias". "Os concellos queremos participar nese proceso", afirmou presidente.
Formoso lembrou que coa aprobación da Lei de de Bases de Réxime Local /Lei 7/1985 de 2 de abril) os concellos deixaron de ser administracións de segundo nivel para seren recoñecidos como actores institucionais con autonomía política, mais advertiu que corenta anos despois seguen a padecer "competencias mal definidas e financiamento insuficiente". Os custos de servizos básicos como a auga, a recollida de lixo ou a axuda no fogar supoñen unha importante carga económica para os orzamentos municipais, mentres a poboación envellece e aumenta a demanda de servizos sociais.
Entre os retos pendentes para o mundo da administración local, Formoso incidiu especialmente no financiamento municipal: "precisamos dun marco financeiro que permita aos concellos dotarse de recursos para poder prestar servizos de calidade, sobre todo no caso dos concellos máis pequenos".
O presidente provincial citou tamén a dixitalización como un dos retos que o municipalismo afronta. "A Deputación da Coruña vai por diante neste ámbito co proxecto Concello Dixital, que chega aos 93 concellos da provincia.
O presidente provincial insistiu en que o futuro do municipalismo require unha nova cultura da cogobernanza e cooperación institucional, tanto entre administracións como entre os propios concellos, para afrontar retos complexos como a transición ecolóxica, a dixitalización ou o envellecemento. "O futuro non se pode improvisar. Cómpre planificar con visión estratéxica e cunha vontade de servizo público", concluíu Formoso, quen reiterou o compromiso da Deputación da Coruña de seguir a ser "un aliado firme dos concellos" na defensa da súa autonomía e da súa capacidade de mellorar a vida da cidadanía.
Expertos de referencia para analizar os retos do municipalismo
O Congreso "1985-2025, 40 anos de Lei de Bases de Réxime Local e do control externo local en Galicia" foi inaugurado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, Juan Carlos Aladro, e o conselleiro do Tribunal de Cuentas, Miguel Ángel Torres.
Ao longo das sesións intervirán expertos de referencia como Carles Ramió, Francisco Velasco, Mónica García Sáenz, Santiago Lago Peñas ou Concepción Campus Acuña, que analizarán os retos do municipalismo corenta anos despois da aprobación da LBRL, nun foro organizado polo Consello de Contas de Galicia coa colaboración da Deputación da Coruña.