Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación inviste 9,5 millóns de euros en Negreira na última década e permite executar 41 obras que melloran servizos e infraestruturas básicas

O presidente Valentín González Formoso e o alcalde, Manuel Ángel Leis, destacan que o POS+ é unha ferramenta esencial para garantir servizos fundamentais no rural

Formoso visitou o centro ocupacional da Fundación de Discapacitados da Barcala, que conta co apoio económico da Deputación

O Plan Único da Deputación inviste 9,5 millóns de euros en Negreira na última década e permite executar 41 obras que melloran servizos e infraestruturas básicas

Formoso, acompañado dos alcaldes de Negreira e A Baña, visitou o centro ocupacional da Fundación de Discapacitados da Barcala, que conta co apoio económico da Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, realizaron hoxe un balance conxunto do impacto do Plan Único (POS+) no municipio, que na última década permitiu executar 41 obras e investir 9,5 millóns de euros, dentro dun investimento global da Deputación en Negreira que supera os 19,5 millóns de euros.

Formoso destacou que o Plan Único "é a ferramenta máis eficaz e equitativa de cooperación cos concellos, porque multiplicou por tres os fondos que recibían os concellos e dálle liberdade aos municipios para decidir en que investir, garantindo que cada euro se destine ás necesidades reais da veciñanza".

O presidente provincial salientou que, grazas a este programa, Negreira puido acometer proxectos fundamentais de saneamento, abastecemento de auga, mellora de camiños e espazos públicos, que doutro modo serían difíciles de financiar con recursos propios. "Obras como a nova rede de saneamento e a estación de bombeo de augas residuais do lugar de Abeanca, cun investimento de 89.000 euros, son un bo exemplo de como o POS+ mellora a vida cotiá da veciñanza e dota de servizos básicos ás zonas rurais", afirmou o presidente provincial, que instou á Xunta a incrementar o Fondo de Cooperación Local para mellorar o financiamento dos municipios con ferramentas transperentes e útiles para os concellos como o POS+.

O alcalde Manuel Ángel Leis subliñou que "o Plan Único é unha ferramenta imprescindible para concellos como Negreira, porque permite planificar actuacións de longo prazo e mellorar servizos básicos como o saneamento, o abastecemento ou a mellora de vías municipais. Sen o apoio da Deputación, moitas destas obras non serían posibles", apuntou. "Esperemos que outras administracións tomen nota desta colaboración e desta forma de reparto obxectivo", afirmou o rexedor.

Negreira recibiu este ano 1.680.918 euros do POS+2025, uns fondos que se destinan a novas obras, gasto social e servizos básicos para a poboación.

Formoso e Leis asinan un convenio para mellorar a estrada de Cuíña

Durante a visita, Formoso e Leis asinaron un convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Negreira para o financiamento das obras de renovación da capa de rodaxe da estrada que conecta a estrada provincial DP 0564 co núcleo de Cuíña, en Mazaricos, unha vía de 1,5 quilómetros de lonxitude e apenas 5 metros de ancho que presenta un notable deterioro debido ao tráfico pesado que soporta o vial, derivado da actividade agrícola e gandeira da zona.

As obras suporán a renovación integral do firme con mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor, o que mellorará notablemente a seguridade viaria e as condicións de circulación.

O investimento total ascende a 105.703 euros, dos que a Deputación achega o 80 % (84.562 euros) e o Concello de Negreira financiará o 20 % restante con fondos propios.

Visita ao centro ocupacional da Fundación de Discapacitados da Barcala

Durante a xornada, o presidente provincial, acompañado dos alcaldes de Negreira e A Baña, José Antonio Pereira Gil, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou tamén o Centro Ocupacional da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Barcala, unha entidade que conta co apoio económico da Deputación dentro do programa de subvencións a entidades sociais sen ánimo de lucro.

O centro desenvolve programas de atención, formación e integración social para persoas con discapacidade intelectual da comarca a través de distintos obradoiros que fomentan a súa autonomía, habilidades prelaborais e inclusión na comunidade.

Formoso destacou o labor da Fundación "como exemplo de compromiso social e aposta pola inclusión" e subliñou que "estas entidades fan un traballo esencial, chegando a onde moitas veces non chega a administración e axudando a construír unha provincia máis inclusiva e solidaria".

O alcalde Manuel Ángel Leis puxo tamén en valor o traballo da entidade, "un referente na comarca da Barcala, que ofrece oportunidades reais de desenvolvemento persoal e social a persoas con diversidade funcional e ás súas familias".

O presidente provincial recibiu como obsequio unha taza persoalizada co mapa da provincia da Coruña elaborada a man polas persoas que asisten ao centro de día.

A Fundación da Barcala é unha das 267 entidades sociais da provincia que contan este ano co apoio da Deputación da Coruña a través das súas liñas de colaboración co terceiro sector, destinadas a reforzar o tecido social e promover a igualdade de oportunidades en todo o territorio provincial.