Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Santiago asinan o convenio para as obras de reforma do estadio Verónica Boquete, cun investimento de 1,29 millóns de euros

Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín formalizan o acordo que permitirá acometer melloras estruturais e de mantemento no estadio municipal, xunto coa sinatura dos convenios para o financiamento dos centros socioculturais do Ensanche e do rural e dunha sala de usos múltiples no centro sociocultural de Rocha Forte

A Deputación e o Concello de Santiago asinan o convenio para as obras de reforma do estadio Verónica Boquete, cun investimento de 1,29 millóns de euros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asinaron hoxe o convenio que permitirá acometer as obras de rehabilitación do estadio municipal Verónica Boquete de San Lázaro, nun proxecto que suporá un investimento total de 1.292.790 euros, dos que 850.000 serán achegados pola institución provincial. A sinatura dá continuidade ao acordo aprobado por unanimidade no pleno provincial do pasado mes e permite iniciar os trámites para licitar unhas actuacións destinadas a garantir a seguridade, modernización e conservación dunha infraestrutura de referencia para o deporte galego.

Formoso destacou que o convenio "dá cumprimento ao compromiso adquirido coa cidade e co seu club de fútbol", lembrando que a Deputación tamén colaborou nos últimos anos na rehabilitación dos estadios municipais de Riazor na Coruña e A Malata en Ferrol. "Falamos dun estadio emblemático para Santiago e para o deporte galego, que precisa actualización e mantemento para ofrecer condicións axeitadas tanto ao público como aos equipos que o utilizan", sinalou o presidente provincial.

Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, destacou a importancia da colaboración entre as institucións para levar a cabo investimentos de relevancia para a veciñanza. No caso do estadio Verónica Boquete, remarcou que se trata da terceira fase do proxecto "moi ambicioso" que ten o Concello para esta infraestrutura a medio e longo prazo para afianzar Compostela como "capital do deporte". "Despois de 30 anos, é hora de colocar o estadio na posición que lle corresponde como unha infraestructura punteira", enfatizou a rexedora municipal.

Así mesmo, Goretti Sanmartín salientou o convenio para a execución dunha sala de usos múltiples no inmoble A Rocha Vella, do Centro Sociocultural da Rocha Forte, unha demanda que responde á necesidade de capacidade do espazo, cunha intensa actividade que desenvolve a Asociación Cultural da Rocha Forte. Neste sentido, Goretti Sanmartín subliñou que a ampliación deste espazo veciñal permitirá ampliar tamén a actuación dun colectivo que loitou pola posta en valor dos restos da fortaleza e para favorecer que poidan realizar actividades con espazo suficiente para unha asociación moi dinámica e con numeroso público fiel.

O estadio Verónica Boquete, cunha capacidade para 13.000 espectadores e aparcadoiro para 2.000 vehículos, será obxecto dun conxunto de actuacións que dan resposta ao estudo integral de patoloxías realizado sobre a infraestrutura.

O proxecto recolle a reparación completa das fachadas mediante limpeza, pintado e selado de xuntas con materiais elásticos e masillas especiais, así como a substitución da carpintería do muro cortina da Porta 1. Na cuberta prevese a reparación de todas as xuntas entre placas, a aplicación dun novo sistema impermeabilizante de poliuretano con acabado antiescorregadizo e a reposición dos paneis de policarbonato separadores por módulos de maior resistencia. Nos soportais e pilastras realizarase unha intervención para protexer o formigón mediante pintura anticarbonatación. Tamén se acometerán melloras interiores, entre elas o pintado de particións e falsos teitos da zona de presidencia e a renovación do falso teito e dos paneis decorativos da cafetería.

O plan establece un prazo total de execución de catro meses, divididos en catro sectores de obra que abranguen todo o perímetro do estadio e que se coordinarán para minimizar afeccións á actividade deportiva e ao tráfico da contorna.

Nova sala de usos múltiples no centro sociocultural de Rocha Forte

O presidente e a alcaldesa asinaron tamén o convenio para o financiamento das obras de construcción dunha sala de usos múltiples no centro sociocultural de Rocha Forte, unha demanda que corresponde á necesidade do espazo pola intensa actividade que desenvolve a Asociación Cultural Rocha Forte.

O investimento ascende a 187.896,41 €, dos que a Deputación achegará 113.896,41, o 60% do total, e o Concello de Santiago o 40% restante.

Sinatura dos convenios para as actividades dos centros socioculturais

No mesmo acto, González Formoso e Sanmartín asinaron tamén os convenios para financiar as actividades dos centros socioculturais do Concello de Santiago, tanto no Ensanche como no rural. A Deputación achegará 140.000 euros para o centro sociocultural do Ensanche e 75.000 euros para os centros socioculturais rurais de A Gracia, A Peregrina, A Barciela, Aríns, Bando, Busto, César, Enfesta, Figueiras, Grixoa, Lamascal, Laraño, Lavacolla, Marantes, Marrozos, Nemenzo, Santa Cristina de Fecha, San Xulián de Carballal, Verdía e Villestro.
Actividades para combater o illamento, impulsar a vida comunitaria e reducir a fenda dixital

As actividades programadas con apoio da Deputación están dirixidas a todos os públicos, con especial atención ás persoas maiores debido ao acusado envellecemento da poboación rural. A oferta inclúe cursos de alfabetización dixital —para aprender a manexar o móbil, a tablet, o ordenador, o correo electrónico ou as videochamadas—, actividades físicas como ximnasia e baile, obradoiros infantís e programas de estimulación cognitiva destinados a fomentar o envellecemento activo. Con estas accións, a Deputación e o Concello buscan ofrecer espazos de encontro, aprendizaxe e participación en todo o municipio compostelán.