Estás en:Novas

A Fusquenlla comparte a súa experiencia no Encontro Anual da Rede de Municipios pola Agroecoloxía en Orduña

A Fusquenlla comparte a súa experiencia no Encontro Anual da Rede de Municipios pola Agroecoloxía en Orduña

O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, un dos once espazos da Rede de Centros de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, participa estes días no Encontro Anual da Rede de Municipios pola Agroecoloxía, que se celebra en Orduña (Biscaia) do 13 ao 15 de novembro.

Xosé María García, un dos produtores e membro do grupo de traballo da Fusquenlla, interveu nun panel de expertos para presentar a traxectoria deste proxecto pioneiro. Na súa ponencia, titulada "A Fusquenlla: acoller o excedente de horta nos obradoiros compartidos", explicou a orixe da iniciativa, o seu espírito colaborativo e a evolución do centro ata converterse nun referente na transformación agroalimentaria local.

Ao longo das tres xornadas do encontro, os participantes están a compartir experiencias e coñecementos sobre políticas alimentarias locais, con visitas de campo a iniciativas agroecolóxicas innovadoras, reunións técnicas, paneis profesionais, a entrega dos Premios 2025 "Ciudades y Pueblos que Alimentan" e a celebración da Asemblea da Rede e dos seus espazos sectoriais. Todo isto nun entorno histórico e paisaxístico singular como o de Orduña.

A Fusquenlla, un centro ao servizo da transformación agroalimentaria local

A Fusquenlla forma parte da Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña e é un espazo colaborativo destinado a que pequenos produtores e produtoras poidan transformar os seus excedentes agrícolas en produtos de maior valor engadido —como conservas, marmeladas, zumes ou mel— cumprindo as máximas garantías en seguridade, sanidade, etiquetaxe e rastrexabilidade.

Situado no recinto feiral de San Ramón, en Moeche, o centro conta con equipamento profesional e destaca polo seu carácter supramunicipal. Na súa xestión colaboran, xunto á Deputación da Coruña, os concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido, Valdoviño, Narón, As Pontes e Cedeira.

O seu obxectivo é consolidarse como referente no norte da provincia para a elaboración de envasados de froita, horta e mel, así como impulsar a dinamización económica baseada na transformación de produtos de proximidade e de alta calidade.

A Rede de Municipios pola Agroecoloxía

A Rede de Municipios pola Agroecoloxía é unha asociación de entidades locais de ámbito estatal que traballan conxuntamente para promover sistemas alimentarios locais sostibles, inclusivos, resilientes e respectuosos co medio ambiente. A súa misión é garantir o acceso a alimentos saudables e accesibles, ao tempo que se impulsa o emprego local e se aposta polas perspectivas da agroecoloxía e da soberanía alimentaria.

O seu labor é eminentemente práctico: intercambiar experiencias e desenvolver solucións colaborativas para desafíos comúns, como o acceso á terra, a protección dos usos agrarios, a incorporación de novos agricultores e agricultoras, a creación de infraestruturas de distribución, ou a promoción da formación profesional ligada á agroecoloxía.