Cee e Vimianzo lideran as vendas do programa MercaNaVila da Deputación nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte
Os concellos da comarca suman 1,5 millóns de euros en vendas
As persoas usuarias teñen de prazo ata o 20 de novembro para descargar e usar os bonos-desconto de 100 € para compras no comercio local
O programa MercaNaVila, impulsado pola Deputación da Coruña para apoiar o comercio de proximidade nos concellos de menos de 20.000 habitantes, continúa a consolidarse como un éxito en toda a provincia e tamén nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte.
Segundo o último balance, con datos actualizados a día de hoxe, o programa acumula 76.446 bonos descargados, máis de 156.305 operacións realizadas e un volume total de 8.921.175 euros mobilizados en vendas.
Na comarca de Bergntiños-Costa da Morte, destacan especialmente os resultados de Cee e Vimianzo. Cee rexistrou 10.434 operacións cos descontos de MercaNaVila e vendas por un total de 581.721 euros. Vimianzo alcanzou 2.541 operacións e preto de 155.000 euros en vendas.
A continuación sitúanse Santa Comba, Zas, A Laracha, Camariñas, Ponteceso ou Mapilca. En conxunto, os once concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca suman 1.472.985 euros en vendas.
A deputada de Emprego, Rosa Ana García, acompañada da alcaldesa de Vimianzo e deputada provincial, Mónica Rodríguez, das concelleiras María José Pose e Beatriz Pazos e a presidenta da Asociación local de comerciantes, Rocío Santos, visitou hoxe varios dos 23 comercios de Vimianzo adheridos ao programa MercaNaVila para coñecer as impresións dos e das comereciantes, que destacaron o impacto da medida nas vendas e demandaron unha ampliación do prazo para poder realizar as compras, que remata este xoves, 20 de novembro.
Rosa Ana García afirmou que que "o programa MercaNaVila está a demostrar a forza do pequeno comercio como motor de desenvolvemento económico e social nos nosos concellos, xerando actividade, emprego e cohesión territorial. As cifras estannos mostrando que cada vez son máis as persoas consumidoras que usan os descontos de MercaNavila para realizar as súas compras".
Apoio ao comercio e á economía local
O programa MercaNaVila conta cun orzamento total de 6 millóns de euros, destinados a fomentar as vendas nos pequenos establecementos e incentivar o consumo nos núcleos rurais e urbanos de menor tamaño, contribuíndo así a fixar poboación e emprego.
A campaña permite que calquera persoa poida descargar os bonos, con independencia do seu lugar de residencia. Non é preciso vivir nun concello pequeno: os bonos poden descargarse tamén dende as cidades e grandes vilas, pero as compras deben realizarse sempre nas 1.000 tendas adheridas dos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes.
MercaNaVila, descontos de 100 € para dinamizar o comercio local
Cada bono MercaNaVila permite descontos de ata 100 euros por persoa, aplicando un desconto directo de entre 5 e 15 euros no momento da compra. O obxectivo é facilitar o acceso a produtos e servizos de proximidade, ao tempo que se incentiva o consumo nos establecementos participantes. Salóns de peiteado, tendas de moda, librerías, ferraxerías, tendas de electrodomésticos, ópticas, xoierías... son moitos os negocios que se sumaron ao programa.
A través da plataforma web oficial (https://mercanavila.gal/), as persoas usuarias poden descargar gratuitamente os seus bonos, consultar os comercios adheridos e localizar os establecementos máis próximos por concello ou sector.
O prazo para usar os bonos MercaNaVila remata o 20 de novembro.
