Estás en:Novas

A Deputación cofinancia con case 160.000 euros a mellora de instalacións deportivas en Arzúa

A achega provincial permitirá intervir na piscina municipal e nas bancadas do campo de fútbol, que presentan danos derivados do paso do tempo e as filtracións de auga

A Deputación cofinancia con case 160.000 euros a mellora de instalacións deportivas en Arzúa

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Arzúa, Xoan Xesús Carril, veñen de asinar un convenio de colaboración para o cofinanciamento das obras de reparación e mellora de distintas instalacións deportivas municipais. No acto participou tamén a concelleira Begoña Balado Conde.

A achega provincial para as obras ascende a 159.997 euros, o que representa o 80% do orzamento total, que alcanza os 199.997 euros. A actuación permitirá intervir na piscina municipal e nas bancadas do campo de fútbol, que presentan danos derivados do paso do tempo. A execución destas obras é fundamental para evitar un maior dano nas infraestruturas e garantir que o Concello de Arzúa conte con instalacións deportivas seguras e en condicións óptimas de uso, explicou Formoso.

O proxecto contempla unha intervención integral na zona da piscina exterior, que inclúe a demolición da praia perimetral existente, coa retirada da reixa e do actual sistema de desbordo. Executarase unha nova canaleta de bordo, renovarase a praia da piscina e levarase a cabo a impermeabilización e o revestimento tanto do vaso como da contorna, co obxectivo de mellorar a funcionalidade e a durabilidade da instalación. Ademais, mellorarase o acceso á sala das instalacións para facelo máis seguro.

No campo de fútbol as actuacións centraranse principalmente nas bancadas. Ampliarase o voo da cuberta para protexer os asentos da choiva e substituirase o peche do lateral actual por un vidrado que protexa ás persoas usuarias das inclemencias meteorolóxicas. Ademais, levaranse a cabo reparacións na estrutura da cuberta, mediante a súa limpeza, imprimación e esmalte.

O proxecto inclúe tamén a reparación da impermeabilización da lousa das bancadas, coa execución dunha nova base de morteiro e a colocación de gárgolas que permitan unha correcta evacuación da auga, evitando danos futuros.