Estás en:Novas

Trinta empresas de San Sadurniño benefícianse das axudas do PEL da Deputación para impulsar a súa actividade e crear emprego

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, visitou hoxe unha pequena queixería da localidade, que recibiu axudas para mellorar a súa actividade

Trinta empresas de San Sadurniño benefícianse das axudas do PEL da Deputación para impulsar a súa actividade e crear emprego

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitou Aldea Felgosa, unha pequena empresa dedicada á comercialización de queixos artesáns en mercadillos e mercados locais de toda Galicia, con sede en Lamas, para coñecer de primeira man a súa actividade e os investimentos realizados grazas ás axudas do Plan de emprego local (PEL).

A empresa, xestionada por unha persoa autónoma, apostou pola ampliación da súa oferta e pola apertura a novos mercados. Para iso, precisaba incorporar unha cámara de almacenamento que garantise a conservación óptima do produto e que permitise manter intactas as súas propiedades, así como equipamento para cortar e envasar os queixos en formatos máis pequenos, adaptados ás necesidades e demandas da clientela. O proxecto incluía tamén a posibilidade de comercializar os produtos a través de internet, o que fixo necesaria a adquisición dun equipo informático.

Estes investimentos puideron planificarse grazas ás subvencións concedidas pola Deputación da Coruña a través das distintas liñas do PEL. En concreto, a empresa recibiu 6.605 euros da liña PEL Emprende Invest, destinados á mellora das instalacións, á compra de maquinaria e ao equipamento necesario para a xestión e venda en liña e e arredor de 2.400 euros da liña PEL Autónomos.

Durante a visita, Rosa Ana García aproveitou para poñer en valor "o papel fundamental das pequenas empresas e das persoas autónomas na dinamización económica do rural, especialmente cando apostan polo produto local, pola calidade e pola innovación".

A deputada destacou tamén que, no concello de San Sadurniño, a Deputación da Coruña apoiou neste exercicio un total de 30 empresas e persoas autónomas a través das axudas do PEL. Delas, 22 beneficiáronse da liña PEL Autónomos, cunha axuda de arredor de 2.400 euros cada unha —cunha excepción, que recibiu 2.000 euros—, o que supón un investimento provincial de 52.400 € só nesta liña no municipio.

"As axudas do PEL están deseñadas para acompañar aos proxectos emprendedores tanto nos seus inicios como nos procesos de crecemento e modernización, facilitando investimentos que lles permitan ser máis competitivos e abrirse a novos mercados", sinalou Rosa Ana García.