Estás en:Novas

A Deputación da Coruña impulsa a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial da UNESCO

A institución provincial achega 80.000 euros para reforzar a implicación cidadá arredor da candidatura dunha cidade que "ten un dos patrimonios máis fermosos e especializados no ámbito militar histórico", afirmou Valentín González Formoso

Formoso e Rey Varela asinaron tamén un convenio polo que a Deputación apoia a programación cultural do Concello

Formoso confirma a presentación de cinco ofertas na licitación da futura sede da Deputación en Ferrol

A Deputación da Coruña impulsa a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial da UNESCO

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinaron hoxe un convenio de colaboración para que a entidade provincial brinde, un ano máis, o seu apoio á candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial da UNESCO, baixo a denominación "Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración", por representar un proxecto de alto valor histórico, cultural e identitario, cunha clara proxección internacional.

Co obxectivo de avanzar nesta liña, ambas as dúas administracións subscriben este acordo para o desenvolvemento dun plan centrado especificamente no reforzo da implicación cidadá e na xeración de apoio social arredor da candidatura, baseada no patrimonio ilustrado que define a cidade de Ferrol.

A Deputación da Coruña achega 80.000 euros para financiar as actividades, mentres que o Concello de Ferrol completa o financiamento restante, outros 20.000 euros.

Candidatura "Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración"

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sinalou que "este convenio pretende impulsar a candidatura merecidísima de Ferrol a Patrimonio Mundial da UNESCO", destacando que se trata dunha cidade que "ten un dos patrimonios máis fermosos e, sobre todo, máis especializados no ámbito militar histórico". Formoso afirmou que este patrimonio constitúe "un piar básico dunha cidade moi histórica" e subliñou que a importancia de que as administracións se impliquen para conservar ese patrimonio sobre o que pivota a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial da UNESCO.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, destacou durante a sinatura que "a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial é un gran obxectivo" e subliñou que "cando nos marcamos grandes obxectivos, o importante é traballar xuntos". O rexedor lembrou que Ferrol "leva na lista indicativa dende o ano 2007", e sinalou que "estamos nun momento clave, no que consideramos que neste ano poden darse pasos importantes para elevar esa candidatura a Madrid e que se poida elevar posteriormente á UNESCO".

Rey Varela puxo en valor tamén o traballo de xestión realizado, afirmando que  "a UNESCO non só busca declarar un ben, senón que busca despois a preservación do ben no día a día". Neste sentido, destacou que "a constitución oficial da Comisión de Coordinación Interadministrativa garante esa xestión adecuada" e que a candidatura de Ferrol conta con "elementos que son 100 % públicos" e cun plan de xestión supervisado.

O recoñecemento da candidatura "Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración" como Patrimonio Mundial da UNESCO resulta esencial para garantir a conservación, protección e proxección internacional dun conxunto urbano e portuario único, que forma parte da Lista Indicativa desde 2007 e que representa unha materialización excepcional do modelo ilustrado de "porto ideal".

Ferrol constitúe un exemplo singular de planificación racional e deseño unitario do século XVIII, froito da acción directa da monarquía e do desenvolvemento das institucións técnicas e académicas da época, que deron lugar a un complexo naval militar creado ex novo, con infraestruturas innovadoras destinadas ao mantemento dunha gran frota de guerra.

A isto súmase o elevado grao de integridade e autenticidade dos bens que integran a candidatura, moitos deles xa recoñecidos como Ben de Interese Cultural, como o barrio da Magdalena, os castelos de San Felipe e da Palma, as baterías defensivas e o Arsenal Militar. A distinción da UNESCO permitiría reforzar a protección deste patrimonio excepcional, asegurar o seu mantemento a longo prazo e consolidar a capacidade de Ferrol para transmitir, case intactos tras tres séculos, os valores do urbanismo e da arquitectura racionalista da Ilustración, ao tempo que se converte nun motor de desenvolvemento cultural, turístico e social sostible.

A Deputación apoia a programación cultural de Ferrol

Formoso e Rey Varela asinaron tamén a concesión dunha subvención nominativa de 50.000 euros da Deputación ao Concello de Ferrol para cofinanciar o seu programa cultural do ano 2025, cun orzamento total de 62.500 euros. Esta colaboración permite desenvolver unha programación que inclúe a organización do Premio Ricardo Carballo Calero, a transcrición de entrevistas a traballadores dos estaleiros ferroláns, un festival de homenaxe a Castelao e a exposición pictórica dedicada a Ricardo Segura Torrella, entre outras actividades.

Sobre este ámbito, Valentín González Formoso afirmou que "Ferrol é cultura, sen dúbida ningunha", e destacou que existe "unha coincidencia clarísima de intereses" entre a Deputación e o Concello para impulsar a actividade cultural da cidade a través da colaboración institucional.

Futura sede da Deputación en Ferrol

Preguntado polos xornalistas, Formoso lembrou que a selección do edificio que albergará a nova sede da Deputación en Ferrol vén de completar o proceso de licitación, onde houbo cinco ofertas presentadas, que están sendo avaliadas polos servizos técnicos da institución provincial.

Unha vez seleccionado o inmoble que acollerá a nova sede da Deputación en Ferrol, "comezará outra fase, que é a redacción do proxecto de rehabilitación e adaptación do inmoble para as necesidades e obxectivos que marca a propia Deputación nas bases". Posteriormente a isto, haberá que licitar eses traballos de reforma, polo que "imos  a un tempo superior a un ano" para o comezo deses traballos, explicou o presidente.

Segundo especifican as bases da licitación, a nova sede da Deputación en Ferrol situarase nun edificio céntrico que, ademais de funcionar como sede institucional, contará cun auditorio para reunións e actos culturais, unha sala de exposicións, unha oficina tributaria moderna e adaptada ás necesidades actuais e un espazo de coworking integrado na rede da Deputación, que xa conta con doce centros de traballo colaborativo na provincia. Polo tanto, será un edificio que, ademais de servir como sede institucional, dará servizo directamente á cidadanía no ámbito social, cultural ou de apoio ao empredemento.