Estás en:Novas

A Deputación recibe ao Republicano de Honra 2026, Miguel Ángel Gómez “Gus”

O Pazo Provincial acolleu hoxe o acto de recoñecemento a este zamorano que loitou activamente contra o réxime franquista nos anos 70.

A Deputación recibe ao Republicano de Honra 2026, Miguel Ángel Gómez “Gus”

O Pazo Provincial acolleu hoxe o acto de homenaxe a Miguel Ángel Gómez, máis coñecido como "Gus", que foi galardoado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña como 'Republicano de Honra 2026'. No acto estiveron presentes o presidente provincial, Valentín González Formoso; a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra; o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Carlos Babío; e o propio homenaxeado, protagonista do acto.

"Gus" nace en Zamora en 1953, lugar onde pasearan seu avó durante a Guerra Civil. Trasladouse a Madrid para estudar na universidade, onde pronto comezou a súa implicación política de loita contra a ditadura. Durante os anos 70, foi unha destacada figura de loita activa contra o réxime franquista, posición que o levou a ser detido con 18 anos por propaganda subversiva, situación que incluso fixo que chegara a ser torturado.

Por toda esta traxectoria de activista e loitador pola memoria democrática foi recoñecido hoxe. Valentín González Formoso destacou de "Gus" e de todos os seus compañeiros e compañeiras activistas que "pola vida ou se pasa ou se está: e vós estivestes". Argumentou isto afirmando que "estar significa achegar, querer ver as mellorías en vida e deixalas para a posteridade... Se un pola vida só pasa, o mundo non mellora". "Vós quixestes estar nun momento no que era moito máis complexo ca hoxe, onde podemos adscribirnos a calquera ideoloxía que respecte o marco constitucional, pero naquel momento non era así, era moito máis complicado", rematou.

Pola súa banda, Sol Agra incidiu en que "esa mesma rebeldía ética é máis necesaria ca nunca. Vivimos tempos marcados por unha perigosa deriva belicista e un avance do imperialismo que pon en cuestión a soberanía dos pobos e os dereitos humanos máis básicos".

Carlos Babío baseou a súa intervención en tres apartados: o "fondo agradecemento" á Deputación polo apoio que recibe a comisión que preside e tamén a "Gus" polo "esforzo que lle supón este acto de reclamación de xustiza e reparación"; o "significado do Republicano de Honra, que cumpre este ano 18 edicións e que significan lembrar a través de persoas que é necesario que as institucións se comprometan coa xustiza e a reparación coas vítimas do franquismo"; e por último, incidiu en que "non podemos, máis de 50 anos despois da morte de Franco, vivir en espazos que aínda manteñan simboloxía franquista".

Para rematar o acto, Miguel Ángel Gómez, "Gus", lembrou a súa dura vida de loita contra o franquismo durante os anos 70. Lembrou a "feroz resposta do réxime" a toda a manifestación ou folga da sociedade civil que clamaba por un estado democrático. Lembrou como o seu avó logrou salvar a vida "por ser o único ferreiro da vila" e tamén evocou a memoria de todos os seus compañeiros de loita "vivos e mortos" para reclamar unha sociedade que repare todo o dano sufrido por tantas persoas durante a ditadura.