Estás en:Novas

Presentada a xornada ‘Fai memoria’ para promover a memoria democrática nas aulas ante o aumento dos discursos de odio entre a mocidade

A deputada Sol Agra subliñou a necesidade de reforzar o traballo ao redor da memoria democrática nas aulas «nun contexto no que medran discursos fascistas»

A activadade, completamente de balde, terá lugar o vindeiro 25 de abril en Santiago de Compostela

Presentada a xornada ‘Fai memoria’ para promover a memoria democrática nas aulas ante o aumento dos discursos de odio entre a mocidade

A Área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña presentou este venres unha nova edición da xornada 'Fai memoria!', concibida para dotar de ferramentas o profesorado para tratar os contidos relacionados coa memoria histórica. A actividade, de balde, terá lugar o vindeiro 25 de abril de 2025 no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia en Santiago de Compostela. Para asistir cómpre anotarse no correo faimemoriaxornada@gmail.com.

A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, sinalou que esta segunda edición se impulsa «tras o éxito da primeira e coa vontade de que continúe medrando». Explicou que o obxectivo é achegar recursos, formación e información sobre memoria histórica, así como impulsar o intercambio de experiencias entre docentes.

Neste sentido, subliñou que «hai partes, situacións e figuras do noso pasado que se están invisibilizando e que forman parte da defensa duns valores dos que hoxe podemos desfrutar», facendo fincapé en que «especialmente invisibilizadas foron as mulleres».

Agra advertiu tamén da necesidade de reforzar o traballo ao redor da memoria democrática nas aulas «nun contexto no que medran discursos fascistas, incluso entre a mocidade», e sinalou que «reflexionar sobre o pasado é fundamental» para a repetición dos mesmos erros no presente. Por iso, considerou clave ofrecerlle ao profesorado ferramentas que lles permitan abordar estes contidos «de maneira crítica e contextualizada».
Nesa mesma liña, a escritora Eva Mejuto reflexionou que «memoria histórica é ollar o pasado con perspectiva de presente e vontade de futuro», incidindo na necesidade de incorporar esta mirada ao ámbito educativo como ferramenta para formar unha cidadanía máis consciente e comprometida.

Agra tamén destacou que a elección do espazo non é casual, xa que o centro sociocultural Maruxa e Coralia leva o nome de dúas das irmás Fandiño, «que padeceron a represalia fascista», o que reforza o sentido da propia actividade.

Programación

A cita reunirá ao longo de toda a xornada profesionais do ensino, investigadoras e divulgadores que abordarán distintas maneiras de traballar a memoria democrática nas aulas e fóra delas. A sesión de mañá abrirase ás 10:00 horas coa intervención de Sol Agra Tuñas, que tratará a "A necesidade da memoria das aulas", centrada no papel da educación na transmisión da memoria democrática colectiva.

Ás 10:15 horas, Carlos Rodríguez Pérez e Nee Barros ofrecerán o relatorio "Roteiros para a memoria: recursos para docentes", no que se presentarán ferramentas prácticas para incorporar as camiñadas como dinámicas de memoria no ensino e coñecer os lugares da memoria.

Ás 11:00 horas será a quenda de "Filmes para a memoria. Propostas audiovisuais para traballar a memoria na aula", unha sesión a cargo de María Xesús López Escudeiro e Coral Piñeiro, creadora do filme Dores, na que se analizará o potencial do audiovisual como ferramenta pedagóxica para a memoria.

Após o descanso, ás 12:30 horas, Miguel García-Fernández abordará a relación entre memoria e literatura infantil e xuvenil desde a súa experiencia na Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, desde a directiva de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e desde a divulgación na súa conta de Instagram @lectureo.

Xa pola tarde, o programa trasladarase ás rúas de Compostela cun roteiro sobre as pegadas de Federico García Lorca na cidade, guiado por Henrique Alvarellos, editor e escritor, responsable da editorial Alvarellos, especializada en memoria histórica e con abonda documentación sobre a obra e a vivencia de Federico García Lorca en Galiza.

A partir das 18:00 horas, o docente e investigador Carlos Callón ofrecerá unha intervención sobre a ocultación da disidencia sexual no currículo escolar baixo o título "Cantas lésbicas coñeces na historia da Galiza?".

O peche da xornada estará dedicado ás experiencias de divulgación en internet, coa participación de proxectos senlleiros como Terra e Memoria, do grupo de investigación da USC Histagra, presentado por Sara Flores Martín e Alejandro Rodríguez Barreiro; A do Chinto, con Leti Mayán, e A ferida aberta no 36, un podcast creado por Nuria López, xornalista da Radio Galega.