Estás en:Novas

A Deputación impulsa a formación en produción virtual con visitas ao CEI, o maior plató virtual de España

Máis de 80 estudantes da UDC, Escola de Imaxe e Son e EF Business School coñecen as oportunidades profesionais dunha tecnoloxía que está a transformar o sector audiovisual

A Deputación impulsa a formación en produción virtual con visitas ao CEI, o maior plató virtual de España

Máis de 80 estudantes e docentes da Escola de Imaxe e Son, EF Business School e da Universidade da Coruña participaron esta mañá nunha visita formativa ao Coruña Estudo Inmersivo (CEI), a infraestrutura de produción virtual impulsada pola Deputación da Coruña e referente tecnolóxico a nivel estatal.

A deputada de Emprego e Industria, Rosa Ana García, acompañou ao alumnado nesta actividade, que permitiu coñecer de primeira man as posibilidades profesionais que abre a produción virtual, unha das tecnoloxías con maior proxección dentro da industria audiovisual.

Durante a visita, o grupo puido descubrir o funcionamento do maior plató virtual de España, equipado con 758 paneis LED 4K capaces de crear escenarios inmersivos e hiperrealistas, nos que se integran en tempo real contornas físicas e dixitais para reproducir calquera localización.

A xornada incluíu tamén unha sesión de formación técnica especializada, na que o alumnado afondou en ferramentas de vangarda como o sistema de Gaussian Splatting, que permite recrear espazos tridimensionais de grande realismo a partir de imaxes reais, ou Pixotope, unha solución baseada no motor Unreal Engine que posibilita a creación de escenarios virtuais interactivos en tempo real.

A adxunta do departamento de empregabilidade da Universidade da Coruña, Paula Castro, destacou o valor destas iniciativas para a preparación do estudantado. "A produción virtual está a transformar o sector audiovisual, e poder coñecela nun entorno profesional é unha oportunidade extraordinaria que reforza a formación e abre novas expectativas laborais", sinalou.

Pola súa banda, Rosa Ana García subliñou que esta actividade forma parte da aposta estratéxica da Deputación polo sector audiovisual como motor de emprego e innovación. "Queremos que o alumnado dos centros educativos relacionados co ámbito audiovisual teña acceso directo á tecnoloxía máis avanzada e poida experimentar o seu potencial real. Iso é clave para preparar o talento que demandará a industria nos próximos anos", afirmou.

A deputada puxo en valor o papel do Coruña Estudo Inmersivo, xestionado por Pedralonga Estudios, como peza central do hub audiovisual da Cidade das TIC, unha infraestrutura que sitúa á provincia da Coruña na vangarda da produción virtual e contribúe á atracción de rodaxes e investimentos.