A Deputación culmina a rehabilitación integral da Reitoral de Ares cun investimento de 146.774 euros
Valentín González Formoso e o alcalde, Julio Iglesias, visitaron esta mañá as obras, que están xa a piques de rematar
O presidente provincial e o rexedor asinaron tamén un convenio polo que a institución provincial achegará 150.000 euros para a construción dun edificio con ximnasio que dará servizo a Caamouco e ao Club de Tenis de Redes
Os investimentos da Deputación en Ares suman máis de 15,6 millóns na última década
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, visitaron esta mañá as obras de reforma interior da antiga Reitoral de Ares, que se atopan nun estado de execución moi avanzado e estarán completamente rematadas en cuestión de semanas. Co obxectivo de recuperar este inmoble do século XVII, a entidade provincial está a financiar integramente os traballos de acondicionamento interior cun investimento de 146.774,45 euros.
A intervención inclúe a redistribución de espazos, a construción de aseos e escaleiras, a mellora do illamento e a renovación completa das instalacións de electricidade, telecomunicacións, fontanería e calefacción mediante bomba de calor. Ademais, tamén se amplía a superficie útil do edificio, ao incorporar unha media planta no primeiro andar e pasar dos 171,13 metros cadrados ao inicio aos 277,09 m2 actuais.
Formoso destacou que "recuperar un edificio con gran valor patrimonial é darlle unha segunda vida é evitar que se perda, pero sobre todo é poñelo ao servizo da veciñanza cun uso útil e aberto", xa que o inmoble terá un novo uso funcionará como centro social e cultural.
O inmoble, catalogado como ben patrimonial, atopábase en desuso tras deixar de funcionar como vivenda parroquial e sufrira un progresivo deterioro debido ao paso do tempo. A actuación actual culmina o proceso de rehabilitación iniciado en fases anteriores. Segundo explicou o alcalde o inmoble destinarase a centro sociocomunitario. "Temos unhas salas nas alianzas de Ares con salóns de actos, pero nalgúns casos quedan pequenos para determinadas actividades. Con este novo centro teremos espazo para salas de exposición e actos con máis capacidade, incluso con espazo para aparcar", explicou o rexedor.
Novas instalacións no Club de Tenis de Redes
No marco da súa visita institucional, o presidente provincial e o rexedor tamén asinaron o convenio para a construción dun novo edificio con sala de usos múltiples, ximnasio e vestiarios en Caamouco, na contorna do Club de Tenis de Redes. A achega da Deputación será de ata 150.000 euros, o 58 % do investimento total, que ascende a case 258.000 euros.
As novas instalacións contarán cunha superficie de 346 metros cadrados nunha soa planta. O espazo de usos múltiples terá 41 metros cadrados e o ximnasio 122, mentres que os vestiarios, masculino e feminino, sumarán preto de 100. Ademais, habilitaranse áreas para almacén, servizos de limpeza, vestíbulos e instalacións. O prazo de execución previsto é de seis meses desde o inicio das obras.
Deste xeito, executaranse unhas instalacións básicas para reforzar a actividade deportiva e social da contorna, e que se poñerán á disposición de toda a veciñanza que desexe empregar este novo equipamento público, complementando ao mesmo tempo os servizos do Club de Tenis.
Tras a sinatura, Formoso incidiu en que se trata dun espazo "pensado para a xente, para que a veciñanza teña onde reunirse, facer deporte e compartir tempo en común nunha parroquia que necesitaba unha infraestrutura coma este". O presidente engadiu que "cada investimento nos concellos ten que ter ese sentido: resolver necesidades reais e mellorar a vida cotiá, e iso é o que se busca con este proxecto en Caamouco".
Pola súa banda, o rexedor agradeceu a colaboración da Deputación e sinalou que "é unha obra moi agardada, contará cunha sala para ximnasio e actualizará as instalacións, permitindo non só xogar ao tenis senón outros complementos deportivos".
Apoio ao deporte local con novos vehículos
Durante a xornada, o presidente provincial, acompañado polo deputado de Deportes, Antonio Leira, fixo entrega de dúas furgonetas ao Club de Remo de Ares e ao Club Náutico Ría de Ares, valoradas en 25.000 euros cada unha destinadas ao transporte de deportistas.
Formoso subliñou que "detrás de clubs como estes hai moito esforzo diario, e contar con medios para desprazarse en condicións dignas tamén forma parte de apoiar o deporte base e o traballo que fan cos máis novos".
Máis de 15 millóns investidos en Ares nunha década
O presidente explicou que "a Deputación implícase con Ares en todos os eidos. Tanto na recuperación dun patrimonio tan importante como a reitoral, como na promoción do deporte, apoiando aos clubs locais, mellorando estradas provinciais ou participando nun proxecto fundamental como a mellora do abastecemento de auga do municipio".
Formoso explicou que os investimentos da Deputación en Ares suman máis de 15,6 millóns de euros na última década e que contribúen a mellorar as infraestruturas e servizos públicos do concello.
Ao respecto, Formoso salientou que este é un exemplo da "colaboración continua en todos os eidos que a Deputación ten co municipio" e puxo en valor que "a nosa ambición é a deles, xa que sempre hai novos retos pendentes. Dende logo, a Deputación está aí para intentar que eses retos se poidan cumprir".
