Valentín González Formoso visita a Festa do Champiñón de Ordes
A festa, unha das máis tradicionais da comarca, conta co apoio económico da Deputación
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá a Festa do Champiñón de Ordes, unha das citas gastronómicas máis consolidadas da comarca, que este ano celebra a súa 35ª edición, onde tivo ocasión de degustar diferentes elaboracións a base deste produto e coñecer de primeira man o traballo do sector.
Durante a visita, Formoso estivo acompañado por representantes municipais e percorreu o recinto festivo, no que se desenvolven durante toda a fin de semana as degustacións gastronómicas, a feira de artesanía e a exposición de maquinaria agrícola, ademais dunha ampla programación cultural e musical.
O presidente provincial destacou a importancia desta festa como "un exemplo de como un produto de proximidade pode converterse nun elemento de identidade e nun soporte económico para moitas familias e pequenas explotacións da comarca".
Formoso puxo en valor tamén o traballo do Concello de Ordes na organización dun evento que ten unha tradición importante e que cada ano atrae a milleiros de persoas e que contribúe a dinamizar a hostalaría, o comercio local e o conxunto da economía da zona. "Este tipo de iniciativas amosan que o rural ten futuro cando se aposta polo produto autóctono e se impulsa a súa promoción", sinalou.
O presidente da Deputación destacou ademais o apoio económico que a institución provincial presta a festas como a do champiñón de Ordes, que promocionan os produtos locais de calidade e o desenvolvemento económico dos concellos, especialmente no ámbito rural.
