Sol Agra subliña na segunda xornada ‘Fai Memoria’ o papel da educación como «ferramenta clave» fronte aos discursos de odio entre a mocidade
A deputada de Dereitos Civís apelou a reforzar o traballo ao redor da memoria democrática nas aulas «nun contexto no que medran discursos fascistas»
O Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, en Santiago, acolleu hoxe un encontro para promover a memoria democrática no ámbito educativo
O Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, en Santiago de Compostela, acolleu este sábado a segunda edición da xornada 'Fai memoria!'. A actividade está organizada pola Área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña co obxectivo de promover a memoria democrática no ámbito educativo e dotar de ferramentas ao profesorado.
Durante a apertura, a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, definiu a iniciativa como «un espazo de encontro para docentes e persoas interesadas en coñecer recursos para poder traballar a memoria democrática» e salientou a importancia de reforzar este tipo de propostas no contexto actual.
«Precisamos reflexionar sobre o pasado para entender o presente e decidir o futuro que queremos para a nosa sociedade», afirmou, ao tempo que advertiu da necesidade de actuar fronte ao avance de determinados discursos entre a mocidade. Neste sentido, sinalou que «coñecemos o problema da deriva fascista da mocidade, pero tamén sabemos que a solución é a educación, a única arma coa que paga a pena defenderse».
A deputada incidiu en que «precisamos que a rapazada coñeza a nosa historia de loita e resistencia para que poidan crear unha opinión crítica da información que reciben a través das redes socias», poñendo o foco no papel da escola como espazo fundamental para a formación dunha cidadanía crítica.
A xornada desenvolveuse ao longo de todo o día cun programa que combinou sesións teóricas e propostas prácticas. Pola mañá, tras a apertura a cargo de Sol Agra, Carlos Rodríguez Pérez (CAFI) e Nee Barros (MAOS Innovación Social) ofreceron o relatorio sobre roteiros para a memoria, no que presentaron ferramentas prácticas para o profesorado. Seguidamente, María Xesús López Escudeiro, experta en memoria histórica, e Coral Piñeiro, creadora do filme 'Dores', afondaron no potencial pedagóxico do audiovisual na aula.
Tras o descanso, Miguel García-Fernández, da Cátedra de Memoria Histórica da UDC / IEGPS (CSIC), abordou a relación entre memoria e literatura infantil e xuvenil. A continuación, Paula Cadaveira López (CPI Virxe da Cela, Monfero) e Mariló Candedo Gunturiz (Nova Escola Galega) compartiron experiencias de memoria nas aulas.
Xa pola tarde, as persoas participantes realizaron un roteiro polo espazo urbano de Santiago arredor das pegadas de Federico García Lorca guiado por Henrique Alvarellos, editor e escritor. Posteriormente, Carlos Callón, escritor e profesor no IES San Clemente e na USC, ofreceu unha reflexión crítica sobre a ocultación da disidencia sexual no currículo escolar.
A xornada concluíu cun bloque dedicado á divulgación en internet, no que se presentaron proxectos como 'Terra e Memoria', coa participación de Sara Flores Martín, Ana Cabana Iglesia e Alejandro Rodríguez Barbeito; 'A do Chinto', da creadora de contido Leti Mayán; e 'A ferida aberta no 36', da xornalista Nuria López.
