Estás en:Novas

As catas arqueolóxicas na foxa de Serantes (Ferrol) localizan tres corpos con signos de “violencia extrema”

Os primeiros traballos no cemiterio ferrolán confirman a existencia de restos superpostos a máis de 1,5 metros de profundidade nunha foxa estreita e sen alterar

Nos vindeiros días comezarán os estudos antropolóxicos e xenéticos para identificar ás vítimas e dar resposta ás familias.

A iniciativa, impulsada pola Deputación en colaboración co grupo HISTAGRA da USC e financiada polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, ten como principal obxectivo a exhumación, identificación e devolución dos corpos alí enterrados ás súas familias

As catas arqueolóxicas na foxa de Serantes (Ferrol) localizan tres corpos con signos de “violencia extrema”

Os traballos arqueolóxicos que se están a desenvolver na foxa común do cemiterio de Serantes, en Ferrol, permitiron localizar os primeiros tres corpos con "evidentes signos de violencia extrema" e "posicionados de maneira irregular". A intervención, impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración co grupo de investigación HISTAGRA da Universidade de Santiago de Compostela e coa financiación do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, culminou así a súa primeira fase sobre o terreo para dar paso ás análises antropolóxicas e xenéticas.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, fixo fincapé no apoio institucional a este equipo de profesionais que traballa "en defensa da memoria democrática", lembrando a atención coa que a sociedade segue os avances en Serantes. Pola súa parte, a Directora Xeral de Atención ás Vítimas do Ministerio, Zoraida Hijosa, ratificou a continuidade da colaboración económica coa Deputación —dotada con 150.000 euros para as actuacións en Serantes, Boisaca e Carral— para seguir desenvolvendo estas catas, exhumar os corpos, identificalos e entregarlle os restos ás súas familias.

A deputada provincial de Dereitos Civís, Sol Agra, incidiu na singularidade e dureza deste espazo, sinalando que na foxa de Serantes os corpos non están dispostos de forma normal para un enterramento, senón, como din os expertos, que se aprecian signos de violencia nun lugar onde se executaba a numerosos represaliados ao mesmo tempo. "Case foi un xenocidio ideolóxico", sinalou a deputada. Agra destacou que a intervención busca "sacar á luz como foi esa represión e devolver os restos ás súas familias como un deber democrático fronte á desmemoria".

Os traballos definen Serantes coma o lugar onde foron asasinadas arredor de 200 persoas

O responsable do estudo antropolóxico e profesor da USC, Edgard Camarós, confirmou o peche desta primeira etapa tras determinar que os restos amosan a brutalidade que tivo luga en Serantes. "Hemos podido determinar que se trata de un espacio de violencia extrema. Hemos localizado diversas víctimas superpuestas unas por encima de las otras con evidencias de violencia extrema a través del tipo de posición", explicou Camarós, quen adiantou que comeza agora o proceso analítico para identificar os restos e dar respostas ás familias.

Pola súa banda, a responsable da investigación histórica, Lucía Santiago, detallou que a cata de comprobación realizada no terreo permitiu localizar os tres primeiros individuos e verificar que a foxa continúa a máis de 1,5 metros de profundidade. Santiago explicou que se atoparon "extremidades superiores superpostas" e que as evidencias confirman as hipóteses de que se trata dun espazo de enterramento irregular, moi estreito —de apenas 50 centímetros— e sen alterar, onde a documentación e a tradición oral sitúan 18 ás vítimas do 11 de outubro de 1936.

Nesta mesma liña, o decano da Facultade de Xeografía e Historia e membro do CISPAC, Antonio Míguez, encadrou a relevancia do achado dentro dun traballo multidisciplinar dirixido a dar veracidade e rigor científico ao ocorrido. Míguez lembrou que as investigacións confirman a magnitude dos crimes cometidos neste enclave: "Hoxe estamos case seguros de que son arredor de 200 persoas asasinadas aquí, e iso dinos que estamos nun lugar no cal se produciu unha masacre e que as persoas que o fixeron non enterraron dunha maneira normal, senón algo máis parecido a ocultalas".