Estás en:Novas

Vimianzo celebra o 25 aniversario do Asalto ao Castelo lembrando a súa orixe

Formoso felicitou ao Concello e á veciñanza que iniciou esta tradición, hoxe convertida en Festa de Interese Turístico de Galicia 

A alcaldesa lembrou o nacemento deste evento, "no seo dunha asociación xuvenil e que pouco a pouco involucrou a toda unha vila e comarca. E quero destacar que ese espírito é o máis importante da nosa festa"

Vimianzo celebra o 25 aniversario do Asalto ao Castelo lembrando a súa orixe

O Concello de Vimianzo organizou hoxe o acto do 25 aniversario do Asalto ao Castelo na praza do concello con varias actuacións culturais e coa presenza das máximas autoridades da provincia. Centos de vimianceses acudiron á praza do Concello para festexar o cuarto de século dunha festa que está a traspasar fronteiras. Manuel Rial, da organización do Asalto ao Castelo, foi o condutor dun evento que congregou a centos de veciños e veciñas da vila.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinalou que o castelo de Vimianzo é un elemento patrimonial que "é un orgullo para todos nós" e a aposta pola súa posta en valor "está a dar os seus froitos". "Recuperamos ese espírito que aínda mantén esta terra. Seguiremos poñendo a vosa disposición os investimentos necesarios para seguir poñendo en valor este Castelo, seguiremos apoiando esta festa e seguiremos apoiando a Vimianzo", sentenciou o presidente.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, lembrou que a pandemia impediu a celebración deste acto en 2020 e tivo unha lembranza especial para os falecidos por mor da Covid. "Antes de comezar quixera ter unha lembranza especial para todos os nosos veciños que non puideron superar a Covid, para todas esas familias que hoxe non o poden festexar porque conviven coa dor das ausencias, e tamén os veciños e veciñas que hoxe están lonxe de Vimianzo".

Tamén se referiu ao xerme do evento, que naceu "no seo dunha asociación xuvenil e que pouco a pouco involucrou a toda unha vila e comarca. E quero destacar que ese espírito é o máis importante da nosa festa". Rodríguez tamén tivo palabras de agradecemento as entidades que fixeron e fan posible esta festa que recentemente foi designada como Festa de Interese Turístico de Galicia. "Agradezo en nome de todos os vimianceses a entidade organizadora Cherinkas, e por suposto a Axvalso (entidade que iniciou a festa). Xuntos traballamos para esta festa, a nosa festa siga medrando. O voso traballo viuse tamén reflectido na recente catalogación de Festa de Interese Turístico Galego".

"Pasaron xa 550 anos da Gran Guerra Irmandiña, ese momento no que o pobo se ergueu contra o abuso dos señores feudais. Por iso cada ano convertémonos en asaltantes para tomar o castelo de xeito simbólico", explicou.

A alcaldesa agradeceu tamén a presenza da entidade ABC do partido xudicial de Corcubión de Buenos Aires, encabezada polo seu presidente Carlos Óscar Ameijeiras, "que cruzaron o Atlántico coas gaitas, tambores e pandeiretas que hoxe as fixeron resoar para todas e todos nos en Vimianzo, na súa terra", indicou.

Durante o acto a cantante vimiancesa Irma Macías, deleitou as persoas asistentes co himno galego. Tamén amenizaron o evento conmemorativo a Escola de Gaita, Percusión, Baile Tradicional Galego e Cantos de Taberna "Alborada" , a ABC do Partido de Corcubión de Buenos Aires, e os Grupos de baile Foliada de Salto e Airiños do Río Grande.

Páxinas suxeridas