galego | castellano
: Servizos sociais : Área de Igualdade : Proxectos : Igualdade e loita contra a violencia de xénero : 2016

Declaración institucional 25 de novembro

Os grupos políticos con representación na Deputación da Coruña (Alternativa dos Veciños, BNG-Asembleas Abertas, Compostela Aberta, Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e Partido Popular) presentan a seguinte

DECLARACIÓN  INSTITUCIONAL DECLARACIÓN INSTITUCIONAL 25 DE NOVEMBRO DÍA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

A violencia machista é un dos máis graves problemas a que nos enfrontamos hoxe en día na nosa sociedade. Nos últimos tempos, fomos avanzando na visibilización dalgunhas violencias contra as mulleres grazas ao traballo de mobilización e concienciación dos diferentes movementos de mulleres. Porén, temos que seguir avanzando, tamén nas institucións, e non podemos caer na falsa imaxe de que porque sexa máis visible do que anos atrás ou haxa un marco legal máis amplo é suficiente. Ademais, é chave repararmos e enfrontar todo tipo de violencias, desde a máis extrema que pon en perigo a nosa saúde mental e física até outro tipo de violencias como a presión estética, a violencia obstetricia e tratos inadecuados no marco da sanidade até a violencia económica que sofren as mulleres neste contexto de emerxencia social, por teren as peores taxas de desemprego e precariedade, padeceren a desigualdade salarial e ocuparen a maioría dos traballos non asalariados. Para todas estas cuestións, as institucións poden e deben axudar a responder e a paliar as súas consecuencias.

Fica moito por facer e a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política. Por iso,  é importante a lexislación, como a Lei orgánica 1/2014, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero. Con todo, despois de anos de aplicación, este marco é insuficiente, en moitos casos por limitación de recursos e orzamentos. Por iso, cómpre avanzar e mellorar o marco legal e realizar un labor preventivo e educativo moito maior.

Ante a gravidade do problema, xulgamos fundamental a inclusión do termo “Feminicidio” como concepto estrutural que dá conta da violencia específica que sofren as mulleres só por seren mulleres. O recoñecemento desta teorización debe servir de base para a elaboración dun Estatuto de vítima de Feminicidio. Doutra banda, a resposta fundamentalmente penal diante deste problema  tamén é insuficiente, polo que é preciso avanzar no apoio económico, psicolóxico e social así como na prevención.

Por estes motivos, a Deputación da Coruña:

  1. Insta ao Parlamento galego a incluír no plan de traballo da Comisión non permanente de estudo para a igualdade e os dereitos das mulleres, por proposta dos grupos parlamentares que a integran, a persoas expertas no ámbito xurídico, co obxecto de poder avaliar a inclusión do termo feminicidio na Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, así como outras posibles modificacións lexislativas.
  2. Insta á Xunta de Galicia a mellorar os servizos de atención psicolóxica, información, inserción laboral recollidos na Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero e garantir que o servizo 016 de atención as mulleres estará operativo e con medios reais durante todos os días do ano as 24 horas do día.

 

A Coruña,  16  de novembro de 2016