Intégrate no xénero
INTÉGRATE NO XÉNERO: GUÍAS DE TRANSVERSALIZACIÓN DE XÉNERO
A Deputación da Coruña pon en marcha o seu proxecto "Integra o xénero", consistente na elaboración dunha colección de tres guías sobre a transversalización do principio de igualdade de xénero nas políticas públicas coas que se busca dotar ao persoal da Deputación e dos Concellos da provincia de ferramentas útiles e de fácil manexo, que conteñan pautas e recomendacións prácticas para a incorporación do principio de igualdade dun xeito transversal.
Este proxecto forma parte das medidas de actuación recollidas en "Compartimos Plan", o Plan de Igualdade da Deputación da Coruña, en vixencia para o período 2019-2023. A colección, inicialmente, contará con tres títulos: a "Guía básica de recomendacións sobre a integración da perspectiva de xénero nas Políticas Públicas"; a "Guía de apoio ao establecemento de cláusulas de igualdade"; e a "Guía para a integración da perspectiva de xénero no emprego e na formación".
Para a súa elaboración, apostase por un modelo metodolóxico e de investigación participativo a través do que implicar ao persoal da propia Deputación e dos Concellos, e isto, coa finalidade de detectar as necesidades e problemáticas coas que se atopa o persoal no seu contexto de traballo específico á hora de incluír dun xeito transversal a igualdade e a perspectiva de xénero. Para isto, realizaranse entrevistas a axentes chave, dinamizaranse grupos de traballo e subministraranse cuestionarios en modalidade online.
A colección das guías contará cunha imaxe fresca, inclusiva e interseccional, que recolla as diferentes realidades de mulleres e homes. Pois a través da imaxe gráfica presentada búscase incidir no feito de que para a consecución dunha igualdade plena, real e efectiva, cómpre ter en conta todas aquelas desigualdades e discriminacións que afectan á diversidade de persoas.
Podedes consultar toda a información na seguinte presentación:
Presentación guías Transversalización de xénero
Pechada a fase de recompilación de información
Inícianse os grupos de traballo convocando ao persoal da Deputación para o 31 de marzo.