Estás en:Servizos Sociais Axudas Benestar Social

Axudas Benestar Social

A área de Benestar Social da Deputación da Coruña lanza cinco liñas de axudas para apoiar ás entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia. O sustento da actividade do tecido social coruñés é moi importante para a Deputación, xa que chegan onde moitas veces non chega directamente a administración e contribúen a mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas que máis o necesitan.

Cun orzamento global de case 3 millóns de euros, as cinco liñas de axudas que se convocan teñen como obxectivo apoiar aos centos de asociación da provincia que traballan no eido social para seguir mellorando os seus programas, servizos e infraestruturas, dos que se benefician cada día miles de cidadáns da nosa provincia.

A Deputación continúa así a realizar un importante esforzo inversor en materia social para lograr os obxectivos que se propuxo neste eido. Queremos recoñecer o dinamismo e a implicación do tecido social coruñés contribuindo a manter a súa actividade e funcionamento a través dunhas subvencións das que o ano pasado se beneficiaron máis
de 200 entidades sociais coruñesas.

AXUDAS A ENTIDADES SOCIAIS

PROGRAMA DE SUBVENCIÓNS A ENTIDADES SEN FINS DE LUCRO PARA O MANTEMENTO DE PROGRAMAS E SERVIZOS EN MATERIA DE SERVIZOS SOCIAIS NO ANO 2020

  • ORZAMENTO 800.000 €
  • MÍNIMO 800 €
  • MÁXIMO 40.000 €

As entidades poderán solicitar subvención para o mantemento de servizos sociais nas seguintes áreas:

  • Familia, infancia e xuventude
  • Diversidade funcional
  • Drogodependencias e outros transtornos aditivos
  • Minorías étnicas e inmigración
  • Persoas en risco ou en situación de exclusión ou especiais dificultades de inserción social, laboral, etc.

Solicitar axuda nesta convocatoria é compatible con presentar unha solicitude na convocatoria de investimento de servizos sociais. Neste caso, o máximo do importe que se concederá é de 60.000€, sumando as dúas subvencións.

Prazo aberto ata as 14:00 horas do 13 de marzo de 2020.


PROGRAMA DE SUBVENCIÓNS A ENTIDADES SEN FINS DE LUCRO PARA O DESENVOLVEMENTO DE PROGRAMAS SOCIONSANITARIOS NO ANO 2020

  • ORZAMENTO 500.000 €
  • MÍNIMO 1.000 €
  • MÁXIMO 40.000 €

Poderanse subvencionar gastos xerais sempre e cando non superen o 15% do importe dos custos directos da actividade puntual, salvo naqueles casos nos que se xustifique, mediante declaración do/a representante legal, que estes gastos se derivan unicamente da execución da actividade, en cuxo caso terán consideración de gastos directos.

Consideraranse gastos xerais:

  • Compra de bens destinados á actividade
  • Arrendamentos e canons
  • Servizos de profesionais independentes
  • Transportes
  • Primas de seguros
  • Publicidade e propaganda
  • Subministracións
  • Comunicacións e outros servizos
  • Soldos e salarios
  • Seguridade Social a cargo da entidade
  • Transferencias
  • Compensación de gastos por prestacións de colaboracións

Prazo aberto ata o 3 de marzo de 2020.

PROGRAMA DE SUBVENCIÓNS A ENTIDADES SEN FINS DE LUCRO PARA INVESTIMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS NO ANO 2020

  • ORZAMENTO 700.000 €
  • MÁXIMO 60.000 €

As beneficiarias serán entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro, cooperativas sen ánimo de lucro ou centros especiais de emprego sen ánimo de lucro con sede na provincia da Coruña ou que acrediten que as inversións obxecto da subvención se realizarán no ámbito territorial da Coruña.

Prazo aberto ata as 14:00 horas do 13 de marzo de 2020.

PROGRAMA DE SUBVENCIÓNS A ENTIDADES SEN FINS DE LUCRO PARA O MANTEMENTO DE CENTROS DE SERVIZOS SOCIAIS NO ANO 2020

  • ORZAMENTO 785.000 €
  • MÍNIMO 8.000 €
  • MÁXIMO 80.000 €

Os beneficiarios serán centros de servizos sociais contemplados na base 3 das bases específicas.

Solicitar axuda nesta convocatoria é compatible con presentar unha solicitude na convocatoria de investimento de servizos sociais (FOIE). Nesta caso, o máximo do importe que se concederá é de 80.000€, sumando as dúas subvencións.

Prazo aberto ata as 14:00 horas do 13 de marzo de 2020.


PROGRAMA DE CESIÓN DE VEHÍCULOS ÁS ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO DA PROVINCIA DA CORUÑA PARA A MELLORA DOS SERVIZOS DE PROGRAMAS EN MATERIA DE SERVIZOS SOCIAIS E SOCIOSANITARIOS

  • ORZAMENTO 199.900 €

As entidades poderán solicitar un dos seguintes vehículos:
• Furgón carga
• Furgoneta de 7 prazas ou 5 e silla de rodas, furgoneta de 9 prazas
• Furgoneta de 9 prazas con plataforma eléctrica para silla de rodas, escalón eléctrico porta lateral dereita ou porta lateral esquerda
• Minibús 18 prazas

A participación neste programa é compatible con terse presentado no ano 2019 nas convocatorias da Sección de Servizos Sociais da Deputación da Coruña.

Prazo aberto ata o 24 de marzo de 2020.