Estás en:Biblioteca Como podo?

Como podo?

  • A biblioteca da Deputación da Coruña, é unha biblioteca pública que da servizo a toda a provincia. É un espazo aberto a toda a cidadanía, cuxo obxectivo é converterse nun referente cultural dentro da comunidade á que serve.
  • Que horario ten a biblioteca? Ábrese as fins de semana?

Con carácter xeral, o horario da biblioteca é de luns a venres de 8.30 h ás 20.30 h. e os sábados de 09.00 h a 14.00 h. Péchase os días festivos. Excepto no verán, de xuño a setembro, que será de luns a venres de 08.30 h a 14.00 h e de 15.00 h a 20.30 h.

Calquera incidencia relativa ao horario informarase a través das nosas redes sociais e na propia biblioteca.

  • Onde está a biblioteca e como podo chegar?

A biblioteca está situada na rúa Rego de Auga, nº 37, e comparte edificio co Teatro Rosalía de Castro. Se tes pensado vir en coche, ten en conta que estamos na zona centro e as posibilidades de aparcar son limitadas. Aínda que a zona conta con numerosos aparcadoiros de pagamento e as liñas de autobuses (1, 1A, 2, 2A, 3 e 3A).

  • Como podo contactar coa biblioteca?

Estes son os datos de contacto da biblioteca:

Teléfono: 981 080 175 / 981 080 176

Correo electrónico: biblioteca.info@dacoruna.gal

  • O edificio que alberga a biblioteca, está adaptado para persoas con mobilidade reducida?

Trátase dun edificio plenamente adaptado para persoas con mobilidade reducida polo que conta con ramplas de acceso e baños adaptados.

  • Canto custa utilizar a biblioteca?

Todos os servizos que se prestan na biblioteca son de balde.

  • Que me ofrece a biblioteca?

A biblioteca pon a disposición das persoas usuarias unha ampla colección de libros, cómics, xornais e revistas que se ofrecen para consulta e préstamo. Se o material demandado non está no catálogo, existe a posibilidade de solicitar unha desiderata ou suxestión de compra, ou ben recorrer ao préstamo interbibliotecario, o cal permite obter documentos doutras bibliotecas.

Ademais, organízanse numerosas actividades dirixidas á infancia, mocidade e persoas adultas, entre as que destacan exposicións, talleres, sesións de contacontos, cursos e clubs de lectura.

Así mesmo, hai computadores dispoñibles con acceso á Internet.

En definitiva, a biblioteca é un espazo aberto a toda a cidadanía, cuxo obxectivo é converterse nun referente cultural dentro da comunidade á que serve.

  • Como podo coñecer as actividades que organiza a biblioteca?

A biblioteca organiza un gran número de actividades ao longo do ano dirixidas á infancia, mocidade e persoas adultas; talleres literarios, clubs de lectura, sesións formativas, charlas, conferencias, cursos sobre distintas materias, talleres infantís, concursos, etc. Ademais dos carteis anunciadores das citadas actividades que se expoñen na propia biblioteca e os trípticos coa programación dispoñibles no mostrador de Préstamo e Información Bibliográfica, darase difusión a través da web e as redes sociais coas que conta a biblioteca:

Web: www.dacoruna.gal/biblioteca

Facebook: http://www.facebook.com/bibliodicoruna

Twitter: https://twitter.com/bibliodacoruna

Instagram: https://instagram.com/bibliodacoruna

Pinterest: http://pinterest.com/bibliodicoruna

Slideshare: https://www.slideshare.net/Bibliotecadicoruna

Youtube: https://www.youtube.com/user/Bibliodicoruna

Google Business: https://biblioteca-provincial-deputacion-da-coruna.business.site/

Para entrar na miña conta:

Accede ó catálogo da biblioteca
https://www.dacoruna.gal/web-bp/inispa.htm

e inicia sesión, introducindo o teu nome, apelidos ( un ou dous) e o número de usuario da biblioteca.

Para poder renovar e reservar tes que ter o carné en vigor, e non ter obras co prazo de devolución finalizado.

Unha vez dentro podes...

  • Ver o material que tes prestado e o seu estado, así como a data na que debe ser devolto.
  • Facer reservas: no caso de que a obra que che interese estea prestada, podes reservala. Cando estea dispoñible recibirás un correo electrónico e terás 48 horas para recoller o préstamo.
  • Podes reservar o mesmo número de obras que podes levar en préstamo.
  • Para reservar é preciso que busques a obra no catálogo por título, autor etc... e despois accedas á reserva, cubrindo o nome, apelido e número de socio. Recibirás un correo da biblioteca cando a obra estea dispoñible.
  • Renovar: podes renovar unha soa vez as obras que tes prestadas; antes de que venza o prazo de devolución.
  • Que se necesita para ter o carné da biblioteca?

Para gozar do servizo de préstamo individual, cada usuario debe proverse do carné, que se obterá presentando o DNI e unha foto tamaño carné.

Os lectores máis pequechos deben engadir aos datos a sinatura do seu pai, nai ou titor/a no impreso que quede en propiedade da biblioteca e renovar obrigatoriamente a súa solicitude cando pasen ao servizo de préstamo de adultos.

Todas as persoas usuarias comprométense a comunicar calquera variación nos datos que consten no cartón de préstamo durante o período da súa vixencia.

  • En que bibliotecas podo usar o meu carné?

O carné da Biblioteca Provincial da Coruña só dá acceso á biblioteca do mesmo nome.

  • Perdín o meu carné de biblioteca, podo obter un novo?

Expedirase un novo carné de biblioteca unha vez que a persoa usuaria comunique a súa perda ou subtracción.

En calquera caso, é importante que a persoa usuaria comunique inmediatamente á biblioteca a perda do seu carné, co fin de evitar un uso indebido por parte doutra persoa.

  • Podo usar o carné dun amigo ou familiar?

O carné de biblioteca é persoal e intransferible. Unicamente se admite a utilización dun carné alleo cando se xustifique adecuadamente que a persoa está impedida ou sofre unha enfermidade grave e conte coa sua autorización para empregalo.



  As doazóns de libros e outros materiais contribúen a enriquecer o fondo documental da biblioteca. Con todo, para ser operativas, as doazóns deberán ser valoradas como paso previo á súa aceptación. Por este motivo, solicitarase unha listaxe das obras para doar cos seus datos básicos (autor, título, editorial e ano de publicación), sen esquecer os datos de contacto da persoa que fai a doazón.

 

  • Cantos libros e outros materiais podo sacar en préstamo?

O carné de adultos da biblioteca dá dereito ao préstamo de forma simultánea de 3 libros, 3 DVD, 3 CD e un dispositivo lector de libros electrónicos. Cos carnés de Xuvenil, verde (de 9 a 11 anos), amarelo (de 12 a 14 anos) e morado (de 15 a 18 anos), pódense levar en préstamo individual, 3 libros, 2 DVD, 1 CD, 1 CD-ROM e 1 número dunha revista. Co carné de Bbtk Infantil, azul claro (de 0 a 7 anos) e vermello (7 e 8 anos), pódense levar 3 libros, 2 DVD, 1 CD e 1 CD-ROM.

En canto ao préstamo dixital, só é preciso ser socio de calquera biblioteca municipal da provincia da Coruña ou da Deputación, con dereito a prestar 5 contidos dixitais na plataforma de préstamo EbiblioDaCoruna, por períodos non prorrogables: libros, audiolibros e contido educativo 21 días; películas 3 días; revistas 1 día; xornais 2 horas.

  • Hai algún material ou documento que estea excluído do préstamo?

A maior parte do material que está dispoñible na biblioteca pódese levar en préstamo, só hai algunhas pequenas excepcións: as obras de referencia (dicionarios, enciclopedias, etc.), e en xeral, as obras de uso frecuente; os manuscritos, incunables, raros e aquelas obras de particular interese histórico, artístico ou bibliográfico; os exemplares únicos de difícil reposición; as obras que, polas súas características especiais, estean excluídas do préstamo por decisión da Dirección da biblioteca.

  • Podo renovar os préstamos?

O préstamo de libros pode ser prorrogado en adultos ata outros 15 días máis de préstamo, se as necesidades do servizo o permiten. Os CD e DVD terán un prazo de 7 días prorrogables por outros tantos. Na Biblioteca Xuvenil e na Bbtk Infantil os CD, DVD e CD-ROM terán un prazo de préstamo de 15 días prorrogables por outros tantos.

A renovación dos libros pódese facer por teléfono, dende a túa conta no catálogo ou na sección de Préstamo da biblioteca.

Os contidos dixitais da EbiblioDaCoruna non son prorrogables. Rematado o período de préstamo, podes volver tomalos prestados pasadas 24 horas.

  • Como sei cando teño que devolver o material prestado?

No momento do préstamo o persoal da biblioteca anota a data de devolución nun adhesivo que, xeralmente, vai pegada na tapa do libro.

Os contidos dixitais desaparecen automáticamente da túa conta. Podes ver en todo momento cando caducan desde a túa conta da EbiblioDaCoruna ou desde a OdiloApp.

  • Cal é a sanción por devolver con atraso o material en préstamo?

Pasado o período de préstamo correspondente, sancionarase de acordo coa seguinte táboa:

Atrasos Penalización
Igual ou superior a 15 días ou tres de prazos inferiores a 15 días 1 mes
Reincidencia no anterior 3 meses
2ª reincidencia 6 meses
Superior a mes e medio 3 meses
Reincidencia no anterior 6 meses
Superior a 3 meses 6 meses ou cancelación definitiva da tarxeta de préstamo

  • Que ocorre se perdo ou dano o material da biblioteca?

Toda perda ou deterioración do material da biblioteca poderá ser obxecto de sanción, polo que se lle obrigará á persoa usuaria ao pagamento dos gastos orixinados pola reparación ou reposición do material prestado.

 A biblioteca xestiona varios clubs lectores, tanto de xeito físico como dixital, a través do EbiblioDaCoruna Club Lector.

Un club de lectura é un grupo de persoas que le  ao mesmo tempo unha obra concreta das que a biblioteca presta un exemplar a cada membro de club; e reúnese para comentar o le. Os clubs tamén fan outras  actividades como proxeccións, roteiros literarios, encontros con autores, etc. 

Podes informarte das actividades de animación lectora no apartado Actividades ou na sección de información da biblioteca

 

A biblioteca dispón de impresos de suxestións de compra, que poden ser solicitados no mostrador de préstamo. O usuario recibirá unha resposta no prazo máis breve posible. Podes facelo en liña

Solicitude de compra

Podes suxerir que se adquiran aqueles documentos (libros, CD , DVD, CD-Rom, etc) que sexan do teu interese e que non estean na biblioteca. 

Na biblioteca dixital tamén se poden solicitar a incorporación de novos recursos, e para iso debes estar identificado coas túas claves dentro da EBIBLIODACORUNA.


Unha vez avaliada a solicitude polo Departamento de Adquisicións da Biblioteca, tramitarase, e nun breve período de tempo, recibirás unha resposta á túa petición. Unha vez recibido e procesado o material, o persoal deste Departamento comunicarache a súa dispoñibilidade.

 

 

 

  •  Ten a biblioteca unha sala de estudo?

A biblioteca ten dúas salas dispoñibles. Poden utilizarse para o estudo individual, conxuntamente coa consulta do material propio da biblioteca e o desenvolvemento cotián dos servizos bibliotecarios.

  • Hai un espazo para traballar en grupo?

Si, as mesmas salas, poden utilizarse para facer traballos en grupo, a condición de que se respecte as demais persoas usuarias.

  • Hai un espazo na biblioteca exclusivo para os nenos e nenas?

Si, na planta baixa da biblioteca está a Biblioteca Xuvenil, destinada a nenos e mozos de 9 a 18 anos e na segunda planta está a Bbtk Infantil, destinada a nenos ata os 8 anos. Nelas hai unha ampla colección de libros, revistas e material audiovisual organizada por idades. Neste espazo tamén teñen lugar as actividades infantís.

  • Poden reservarse espazos da biblioteca para organizar actividades?

Todos os espazos da biblioteca son para as actividades propias, premios ou en colaboración.