Dolmen de Dombate

O Dolmen de Dombate, situado na parroquia de Borneiro, é un dos monumentos megalíticos máis importantes de Galicia e un símbolo da cultura neolítica galega.
Trátase dun conxunto formado por dous túmulos superpostos: un máis recente, de 24 metros de diámetro e 1,8 metros de altura, cunha cámara poligonal de sete ortostatos e corredor orientado ao leste; e outro máis antigo, de 10,5 metros de diámetro e 1 metro de altura, cunha cámara de nove ortostatos á que se accedía por unha entrada en pozo.
Tanto a cámara como o corredor conservan restos de arte rupestre pintada e gravada, que poden apreciarse na reprodución existente no Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate.
O monumento foi adquirido pola Deputación da Coruña mediante escritura pública o 11 de setembro de 1975 e, dende entón, converteuse nun referente da arqueoloxía galega e da conservación do patrimonio prehistórico.
Catálogo en formato PDF (11 MB) : "O dolmen de dombate: Arqueoloxía, Arquitectura e Conservación"
Valor patrimonial
O Dolmen de Dombate é coñecido como a "catedral do megalitismo galego" pola súa monumentalidade, polo bo estado de conservación das súas pinturas e pola súa relevancia dentro da cultura tumular atlántica. O conxunto, xunto co centro de interpretación, permite comprender o proceso de construción, uso e simbolismo das necrópoles neolíticas.
Horarios de visita
Visitas libres: de luns a domingo de 10:00 a 20:30 h.
Visitas guiadas: de venres a domingo de 10 :30 a 14:00 h e de 16:00 a 18:30 h.
Información de contacto
- Atención ao público/guia: 672 435 736
- Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate: 619 914 973
- Concello de Cabana de Bergantiños (horario de mañá): 981 754 020
Coa colaboración do Concello de Cabana de Bergantiños.
