Estás en:Patrimonio Pazo de Mariñán

Pazo de Mariñán

Mariñán entre os pazos galegos

Co termo "Pazo" desígnase de maneira xenérica as casas patruciais galegas no campo. Edificacións que contan normalmente con trazos heráldicos e santuarios superiores á media. Sen embargo este termo, que deriva do latín "palatíum" resulta ás veces ambiguo e indeterminado. "Pazo" é un vocábulo de uso tardío e a súa consolidación débese ó emprego que do mesmo fan escritores como a condesa Pardo Bazán, Valle-Inclán e Otero Pedrayo, entre outros. Na literatura galega do XIX, o tema da vida e decadencia dos pazos faise frecuente.

As orixes do Pazo de Mariñán situanse a mediados do século XV, nunha defensa mandada construír por Gómez Pérez das Mariñas, nobre cabaleiro da corte de Juan II, que participou dunha maneira activa nas loitas Irmandiñas. Gómez Pérez das Mariñas autotitulouse "Señor das Mariñas, de Mesía e de Moscoso". A construcción inicial coñécese como "de Bergondo", non de Mariñán.

O Pazo e os seus xardíns son conxunto histórico-artístico e monumental por Real Decreto do 5 de outubro de 1972. Entre 1972 e 1975 a Deputación provincial promove as obras de reconstrucción e ampliación cunha nova ala residencial.

Na actualidade ten tres usos: actos institucionais, centro de cursos e museo do propio Pazo, reunindo boa parte da colección artística da Deputación.

As liñaxes de Mariñán

O investigador coruñés Carlos Martínez Barbeito foi o gran estudioso e autor de "Torres Pazos y Linajes de los Pazos Gallegos". Por el sabemos que Mariñán desde Gómez Pérez das Mariñas vai herdándose de pais a fillos. É unha liña xenealóxica que, sen rupturas, desemboca en Don Gerardo Bermúdez de Castro y Suárez de Deza, señor de Láncara. No seu sangue conflúen boa parte das grandes liñaxes galegas: as casas de Traba, Altamira, Lemos, Luis de Pimentel y Sotomayor, tristemente coñecido xa que intentou asasinar á súa mesma esposa, Inés de Ribadeneyra, nas dependencias do pazo .... Oca, Sarmiento, Ulloa, Suárez de Deza, Osorio, Láncara.... 

O último propietario, don Gerardo Bermúdez de Castro frecuenta os ambientes da aristocracia madrileña nos que é común substituír o apelido polo título nobiliario, de modo que foi coñecido polos seus coetáneos como "Gerardo Láncara". Por este motivo a súa posesión mariñá denominouse "Pazo de Láncara"durante varios anos, nome que aínda lle dan os veciños de idade máis avanzada. Ó morrer en 1936 solteiro e sen fillos, aínda que tiña irmáns, legou o Pazo á deputación para fins sociai

Arquitectura barroca que busca contrastes

A arquitectura do Pazo presenta en planta unha estructura en "U", configuración típica de moitas destas construccións. A fachada principal presídea unha escalinata, das denominadas "imperiais". Na súa parte baixa dúas esculturas en pedra representan a dous serventes en actitude de recibir ó recén chegado. Ó subir por ela o visitante accede á sala de entrada que fai de recibidor e distribuidor ás demais dependencias.

A fachada posterior merece unha especial atención. Domínaa unha ampla terraza con balaustradas graníticas e unha curiosa organización de accesos, pois intercala tramos quebrados en ángulo, rematados con esculturas de vasos, fontes e canles para xogos de auga. Todo isto realizado en granito galego e con similar inspiración a algunhas grandes escalinatas barrocas de Compostela.

Aínda que as escalinatas de Mariñán evocan para moitos a arquitectura palacial italiana, quizais esteamos perante unha creación de Fernando de Casas Novoa, autor da fachada do Obradoiro na catedral de Santiago.

A terraza é a solaina que, como o seu nome indica é o sitio destinado a tomar o sol. Isto explica a existencia de bancos na parede. Unhas portas dan ó interior,que comunican co antigo comedor, de maneira que se o tempo acompañaba se convertía nunha prolongación das dependencias interiores. Actúa como nexo de unión con esa outra sala de estar ó aire libre que é o xardín.

No interior destaca a grande lareira; cociña e lugar de encontro dos serventes da casa, ademais de quentar o comedor e os apousentos dos señores. Non deixaremos de ver o tiro da cheminea.

A horizontalidade imperante nos pazos galegos vese rota unicamente pola torre e a cheminea. As grandes dimensións explícanse en parte pola tendencia do Barroco a buscar efectos sorpresa e sensación de inestabilidade, que se traducen en colocar grandes volumes nas partes altas dos edificios.

O vestíbulo é a entrada á parte nobre. Nesta zona os pisos serían de madeira de castiñeiro, carballo ou piñeiro. Noutras zonas usaríase a pedra, como é o caso da lareira, en terra, quedaban as bodegas, as despensas, as cortes e outras estancias da planta inferior.

A capela pode ter unha primitiva fundación coa segunda filla de Gómez Pérez das Mariñas, dona Constanza, que herdou esta casa. Sen embargo no século XVIII, dentro das pautas estilísticas do Barroco, levouse a cabo unha absoluta reforma. fachada con campanario e pináculos rematados en bolas é propia dese século. Contrariamente o retablo non adentra no racionalismo neoclasicista.

Tal como indica o refrán popular Pombal, capela e ciprés, pazo é". A capela é un elemento case obrigado xa sexa arrimada ó edificio principal ou independente. No caso de Mariñán é de grande tamaño e dispón de dúas portas; unha na parte superior pola que accedían donos e achegados ó pequeno coro ou tribuna e outra na planta baixa, formando ángulo recto coa fachada principal da casa, pola que entraban o resto de asistentes ó culto. Ademais de cumprir a súa función relixiosa era, ó igual que noutros pazos, un nexo de unión entre os donos e os veciños dos seus arredores.

Non se poden pasar por alto as catro espléndidas tallas do retablo, atribuídas a José Gambino. Un compostelano fillo e neto de italianos, formado con Casas Novoa e co portugués Almeida. O seu avó, probablemente, tería sido un escultor da escola florentina afincado en Génova. A obra deste artista, situada entre as máis prestixiosas da escultura do século XVIII, foi continuada polo seu xenro José Ferreiro.

A colección artística: tolerante encontro entre o pasado e a contemporaneidade

O Pazo, desde os anos da súa rehabilitación, 1975, trata de ambientarse con mobles e obxectos artísticos. Así é que reúne unha significativa pinacoteca, maioritariamente de autores galegos, verdadeira antoloxía sobre todo dos séculos XIX ós nosos días. Así é que polas súas dependencias repártense obras de autores novecentistas, modernistas e renovadores.

Entre as obras máis antigas destaca unha táboa de estilo flamenco procedente do Hospital de Peregrinos en Compostela, actualmente Hostal dos Reis Católicos. Trátase dun frontal do século XVI, atribuído a Francisco Gallego.

É notable a colección de obras de pintores do XIX, de inspiración romántica, de temática historicista ou costumista como Modesto Brocos, Román Navarro, Dionisio Fierros, Jenaro Carrero, Ovidio Murguía Castro, malogrado pintor, fillo de Rosalía Castro... algúns deles mestres ou coñecidos do neno Pablo Ruiz Picasso nos seus anos de estudio na Coruña. Do século XX, nese abrir ás procuras, ós "ísmos" merece destacar a obra de Villafinez, Alvarez de Sotomayor, LLoréns, Seijo Rubio, Juan Luis, de José María Labra, Fernández Sánchez, Isaac Díaz Pardo, entre outros.

Tamén están representados destacados pintores non galegos como Ángel Andrade, Rafael Torre ou Tomás Moragas, con cadros cedidos en depósito polo Museo do Prado, que lograron merecidos premios nas Exposicións Nacionais de Arte.

O mobiliario, aínda que ten pezas anteriores, é fundamentalmente do século XIX. Existen tamén outros complementos ornamentais, tallas, porcelanas, traballos tradicionais da provincia, carruaxes de época, etc. que tratan de achegarnos a unha especie de convivencia tolerante de sensibilidades estéticas representativas das diversas xeracións que contribuíron a debuxar ese conxunto, ese continente e contido que é o pazo

A paisaxe mariñá o xardín, o bosque...

    Os pazos son producto da fidalguía, unha clase que busca emular á alta aristocracia na súa forma de vida. Un elemento de prestixio é o xardín. Nestes conxuntos harmonízanse na ornamentación varios mundos: o da pedra, o da auga e o das plantas.

    En Mariñán a arquitectura compleméntase coa paisaxe típica da Mariña que se abre á ría de Betanzos, formada polo río Mandeo. Paraxes que ofrecen marcados contrastes verdes e reflexos que soubo captar o pintor impresionista Lloréns.

    O xardín divídese en tres zonas: ornamental, hortícola e o arboredo. Uns e outros reflicten as distintas formas de aproveitar o terreo. En principio era copia do xardín hortícola monacal.

    O xardín foi trazado a comezos do século XIX por un xardineiro francés, tomando como base o que xa existía, moito máis sinxelo. Respecto da autoría do deseño é posible que o seu autor fose Mathias Tiebe, que na mesma época se fixo cargo da reforma dos xardíns dos pazos da Ribeira e Vilasuso no concello de Carral.

 O labor de introducción de especies converte a estes espacios de vexetación practicamente en pequenos xardíns botánicos e ó mesmo tempo en depositarios da flora e a sensibilidade ornamental galega. Isto explica tamén a tradición de considerar que foi aquí onde se plantaron os primeiros eucaliptos de Europa, enviados polo obispo galego, natural de Tui frei Rosendo Salvado, que ocupaba a diócese de Nova Nursia en Australia.

As especies decorativas compoñen o grupo máis numeroso e chamativo, con grande diversidade e monumentalidade destacando o abeto do Cáucaso, os buxos, os teixos, o ciprés de Lawson... etc.

No xardín hai un pequeno embarcadoiro que ademais de ser utilizado como lugar de lecer servía, a señores e serventes do pazo para atravesar a ría antes da construcción da ponte do Pedrido.  A partir de 1997 créase o "xardín da palabra" , no que ilustres visitantes plantan unha árbore e ó seu pé deixan para o futuro unha mensaxe.

O pazo está situado no concello de Bergondo, famoso tamén polas sagas de célebres familias de ourives que saíron destas terras. Este é o corazón da comarca das Mariñas, chamadas tamén "Mariñas dos Condes" en referencia ós condes de Traba e Andrade, de grande actividade entre Betanzos e Pontedeume, núcleos que obrigadamente debe coñecer o visitante de Mariñán.
 Segundo García Pita o termo "Bergondo" tería unha orixe celta ou xermánica. No primeiro caso faría referencia ó rei Brigo e no segundo a unha elevación montañosa ou "Berg". No século XIII cítase como "Burgundíum".

Hai que destacar neste concello a presencia do mosteiro benedictino de San Salvador de Bergondo, do século XII. Os acolledores concellos de Sada e Oleiros, coas súas praias e pazos non están lonxe, son tamén unha recomendable visita desde o pazo de Mariñán. Ó igual que A Coruña ou Compostela, onde media xornada se fai corta para adentrarnos nun verdadeiro universo de sensacións.

Dentro da arquitectura civil da zona hai que destacar a existencia doutros pazos como os de Armuflo e Casal (século XIX) ou o Pazo de Baldomir en Santa María de Guísamo do século XVII.

Outra arquitectura que se fai necesario citar é a xa mencionada Ponte do Pedrido, referencia principal para o visitante que descoñece o camiño ó pazo. Construíuse entre 1939 e 1942 por Eduardo Torroja e supón un dos primeiros usos do formigón nas obras públicas galegas.

Quen se achegue a Mariñán non debe desaproveitar a ocasión para realizar unha visita pola comarca deténdose nas terras de Betanzos e Pontedeume, núcleos de marcado interese histórico e artístico.

Destacando en Betanzos as igrexas medievais de Santa María do Azogue, de interesante retablo flamenco, a igrexa de Santiago, San Francisco, auténtico museo funerario polas súas destacadas tumbas, entre elas a do cabaleiro Fernán Pérez de Andrade, o Museo das Mariñas, o modernista xardín enciclopédico, curiosa obra "kitch" realizado polos filántropos irmáns García Naveira e as balconadas, tabernas e mesóns nos que se fai necesario degustar o suave viño e os embutidos que desde sempre deron fama a Betanzos. O itinerario pode ampliarse coñecendo restos de todo tempo nos veciños concellos de Cesuras, Oza, Coirós, Irixoa...o monte sagrado da Espenuca domina a paisaxe sorprendente de Chelo e os Caneiros nas beiras do Mandeo.

Outra ruta obrigada é dirixirse a Pontedeume, pasando por Miño, Perbes, con primitivas igrexas románicas como San Xoán de Vilanova, a do monte Breamo, Centroña e o mar da Marola.. Para entrar en Pontedeume, conxunto presidido polas obras dos Andrade, a torre, a ponte cos seus símbolos en pedra, o verrón e o oso .... No paseo baixo as súas casas de soportais, con balconadas e galerías é unha permanente invitación a degustar nos seus mesóns a súa boa gastronomía. Ese itinerario pode prolongarse a visitar o bosque do Eume, co mosterio de Caaveiro, o mosterio de Monfero, ou continuar a Cabanas, Capela, a fermosa ría de Ares, con Redes, Mugardos, entrando en Ferrolterra... encrucillada de camiños que nos introducen nas Pontesou nos levan ó santuario de Teixido e Bares.