Non hai mellor agasallo que a túa lingua
Neste Nadal —e durante todos os días do ano— podemos encher de afecto e identidade cada detalle con esta colección de adhesivos editada baixo o lema «Non hai mellor agasallo que a túa lingua». Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña convida a poñer en valor o galego como o vehículo perfecto para expresar o que sentimos polas persoas que máis queremos.
Expresións nosas que abrigan e emocionan
Un paquete cobra un significado especial cando vai personalizado e aquí ofrécense unha morea de expresións de amor e afecto, alusións ao Nadal, brindes tradicionais e mais outras de uso atemporal.
Como empregalos?
Etiqueta os teus paquetes: Dálles un toque único e persoal aos envoltorios dos teus agasallos de Nadal, aniversarios ou detalles inesperados.
Decora cartas e postais: Pega as túas palabras favoritas nos sobres ou nas tarxetas de felicitación.
Presume de lingua: Lévaos nos teus cadernos, axendas ou onde queiras lembrar que falar e querer en galego é sempre o mellor presente.
Descarga premendo na imaxe da esquerda ou solicita no Servizo de Normalización Lingüística do teu concello a túa folla de adhesivos e comparte o orgullo polo noso. Porque este Nadal, e sempre, non hai mellor agasallo que a túa lingua.
